As mellores estreas deste outono

Agora que o outono xa é outono e vai frío suficiente como para pasar as tardes tras as fiestras mirando chover (e sopesando se non sería boa idea saír da casa) o cine aparece como un plan máis que sedutor. E é que parafraseando a Mark Twain un cinéfilo é aquel que vai ao cine incluso cando non chove.

Chegou o momento pois de compartir a sala coas masas (son unha optimista), comer flocos de millo e decidir domingo tras domingo cal é a mellor opción da carteleira. ¡Chegou a estación de ir ao cine!

A industria sábeo e é agora cando nos propón os mellores filmes (xa hai un mes, de feito, porque o que non sabía era o verán tropical que ía aparecer en medio de setembro). Queredes saber cales son as estreas máis esperadas?

30 de setembro

1. ‘Somewhere’ 

O último filme de Sofia Coppola estreouse a finais de setembro e a pesares de ter gañado o león de oro de Venecia non está a recibir moi boas críticas. Iso sempre fai que un teña máis ganas de ver algo: a polémica! A historia fala da vacuidade da fama, que é posta en cuestión cando o famoso en cuestión recibe á súa filla durante dúas semanas.

14 de outubro

2. ‘Contaxio’

Soderbergh firma este filme apocalíptico (como o seu nome indica) no que unha epidemia letal e descoñecida provoca o pánico na sociedade.

3. ‘Restless’

Outra que apetece ver só polo mal que falan dela. O filme de Gus van Sant recibiu apelativos como relambido ou “unha versión indie de love story“. A historia? Un amor incipiente entre unha enferma terminal e un mozo ao que lle gusta asistir a funerais.

28 de outubro

4. ‘As aventuras de Tintín: O segredo do Unicornio’

Moitas gañas lle teñen a esta película os fans de Hergé. Spielberg dirixe (xunto a Peter Jackson de produtor) a súa primeira película de animación protagonizada polo famoso reporteiro e na que se suceden numerosas aventuras (o argumento mistura elementos de diversos cómics de Tintín).

5. ‘O neno da bicicleta’

Cyrill é un neno abandonado e problemático que coñece fortuitamente a unha señora que parece capaz de sacalo do seu circo autodestrutivo, no filme máis positivo dos irmáns Dardenne.

4 de novembro

6. ‘Habemus Papam’ 

Dirixida por Nanni Moretti, sorprendeu pola súa formulación. O argumento está protagonizado pola cúpula relixiosa en pleno proceso de elixir novo papa (proceso que se demora).  E fronte ao que poidas pensar, parece que hai momentos realmente hilarantes.

7. ‘Melancolía’

No filme de Lars Von Trier vemos como ante a fin do mundo (un planeta vai chocar coa terra) dúas irmás afrontan de forma moi diferente esa situación inevitable.

18 de novembro

8. ‘Un dios salvaxe’ 

Tras unha rifa entre dous nenos, os pais reúnense para tentar solucionalo. Por suposto acaban enfadándose entre eles, dentro das propias parellas e servindo de moi pouco exemplo os pequenos. Está dirixida por Polanski.

25 de novembro

9. ‘Un método perigoso’

Cronenberg dirixe un drama histórico que da conta da relación entre Freud, o seu discípulo Jung e Sabina Spielrein. Ambición, paixón e ética profesional. Promete moito.

10.  ‘Cumes borrascosos’

Andrea Arnold retoma o clásico de Emily Bronte sobre o amor tormentoso entre Catherine e Heathcliff, pero pondo énfase en novos lugares.


Shares

    Etiquetas

    1 comentario

    • Mercedes di:

      Recén comezado o outono “Tralas luces”, de Sandra Sánchez, foi a mellor estrea documental en moito tempo; “Pina”, que aguantou bastante na Coruña, unha aposta excepcional no 3D. E “No habrá paz para los malvados” apunta para ser a película dos Goya deste ano.

      “The Artist” chega o 16 de decembro a España (en principio) e está dando moito que falar e moi bo, e cando algunha santa distribuidora teña a ben traelas a España benvidas serán “Shame”, “Drive” ou “Snowtown”, entre moitas.

      Eu engadiría máis directores novos e menos vacas sagradas neste tipo de listas de tendencias, que os directores consagrados xa teñen bastante publicidade. Saúdos,

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *