A Árbore da Vida, independentismo mainstream

‘A Árbore da Vida’, de Terrence Malick, é dende hai unhas semanas a película da que máis se fala na meirande parte dos círculos cinéfilos. Hai quen di con emoción que estamos ante un fito do cine contemporáneo, un filme que vai cambialo todo; outros porén califican a nova película do director de ‘A Delgada Liña Vermella’ de proxecto pretencioso, presuntuoso e provocador. Sexa como sexa algo pasa, porque mesmo sendo unha película non-ortodoxa está a ser proxectada en moitísimas salas, está a ter boas taquillas, está en boca de todos, e mesmo chegou ser portada da revista ‘Cahiers du Cinema’… O dilema agora está en se todo isto está a pasar pola súa calidade ou pola súa rareza.

O cinema experimental está normalmente asociado a un ámbito underground ou profesional. En todas as escolas de audiovisuais ensínase que na historia do cinema houbo sempre experimentalismo, unha procura de formas de narración alternativa, ou unha linguaxe propia do cine que se afaste do teatro. A finais dos anos vinte Sergei Eisenstein creou ‘Outubro’, unha obra completamente experimental e revolucionaria. ‘A Árbore da Vida’ de Malick ten algo de ‘Outubro’ no seu xeito de contar as cousas. Utiliza unha narración moi segmentada, que vai construíndo ideas na cabeza do espectador mediante un proceso de acumulación, case dun xeito impresionista; dilúe as secuencias e as escenas para crear unha especie de continuo de sensacións instintivas co que conta unha historia non pechada, non liñal… e todo cunhas imaxes coidadísimas e espectaculares.

Algúns poderedes pensar despois destas citas pedantes lembrando fitos da historia do cinema que hai que ter unha preparación especial para ver esta película, pero se cadra o éxito de ‘A Árbore da Vida’ reside en que malia a heterodoxia da narración, a súa temática é tan simple e universal que todo o mundo pode comprendela. Todo o mundo entende a natureza, Deus, a felicidade, a espiritualidade, a inocencia… e Terrence Malick consegue debuxalos dun xeito moi honesto e fermoso. Esta pureza é a que está a conseguir que este filme de corte experimental chegue polas canles normais de distribución, e non polas independentes.

Non sempre temos a oportunidade de ver unha película coma esta no cine, e poderá gustar ou non gustar, pero coido que ‘A Árbore da Vida’ é a película máis cine-en-estado-puro que veremos nalgúns anos.

Fotos | The Tree of Life

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *