Non podemos eludir o tema de que ‘Tokyo Blues (Norwegian Wood)’ é unha adaptación ao cinema do best-seller de Haruki Murakami de 1987 (si, a novela publicouse en Xapón por primeira vez nese ano malia que non chegase a traducirse ao castelán ata 2005), pero gustaríame falar da película sen tomarmos referencias do libro, coma unha obra autónoma, ou ‘autocontida’. É evidente que se liches a novela, ao veres os ambientes, os personaxes e os diálogos pode que sintas unhas cóxegas ou unha especie de empatía que non notarás se non a coñeces, pero imos tentar obviar esta situación porque non é preciso ter lido o ‘Tokyo Blues’ de Murakami para ver o ‘Tokyo Blues’ de Tran Anh Hung.
Comecemos. Xapón. Finais dos anos sesenta. Rapaces universitarios. Historia de amor. Esta podería ser unha primeira nube de tags da película, unha nube moi prometedora e enxeñosa, unha fórmula que non falla, porque dende os primeiros fotogramas a nostalxia e as iconas dos anos sesenta mesturados co exotismo dun país coma Xapón atrápante e métente na película sen saberes sequera que está a pasar. Cando xa estás dentro comeza a historia de amor, unha historia fermosa e universal, con todos os ingredientes dun drama grego. E todo contado dun xeito moi nipón, moi coidadoso, sobre todo no aspecto da fotografía, que é impecable, moi bonita pero sen chegar ser cursi, co punto xusto de crueza e apoiando a narración case diexeticamente. Se cadra este podería ser o leitmotiv da película, esa narración contida e moi medida que roza moitas veces a cursilería, pero en realidade non chega a tocala, deixándote con ganas de ver se chega a facelo na seguinte escena.
Se podemos dicir algo ‘malo’ (e nótese que o escribo entre vírgulas) da película é que o ritmo é algo oriental: pausado e tranquilo; e nalgún caso a actuación dalgún dos personaxes tamén o é. Se cadra todo está xustificado, todo encaixa: a película ten que levar esa cadencia, porque está a contar un tempo dilatado e ese é o xeito de que o espectador o sinta; e os actores non fan máis ca reflectir ese carácter xaponés contido, cheo de respecto, educación e asepsia. Pero dalgún xeito en occidente estamos afeitos a outro ritmo…
Malia todo ‘Tokyo Blues (Norwegian Wood)’ é unha boa película que consegue crear unha especie de aura ou de mitoloxía arredor da historia e dos personaxes e que ben podería converterse nun fito do ‘cinema para indies‘.
* Esta sección faise coa colaboración dos Multicines Compostela. Podes consultar a ficha e o trailer desta película na súa web.
Foto | Tokyo Blues