No 1989 estreábase en España ‘Armas de muller’ (foi emitida tantas veces na tele que é xa un clásico contemporáneo). Na película, Tess McGill é unha rapaciña de Staten Island, unha ‘working girl’ (o título que ten o filme en EEUU e que é moito máis adecuado) que se sacou os estudos de finanzas polas tardes e que traballa como secretaria dunha todopoderosa muller das finanzas. Tess é moi intelixente e ten ideas brillantes que ninguén escoita. Viste da forma hortera que todos coñecemos dos 80 e leva un deses peiteados espantosos cunha chea de volume. Á pobre de Tess acontécenlle unha chea de cousas que lle fan considerar a vida. Como ten que coidar a casa da súa xefa mentres está de baixa, decide aproveitar a ocasión e facerse valer por ela mesma. Desenvolve unha boa proposta de inversión, corta o pelo e bota man do armario da súa xefa. Colle un bo traxe de chaqueta e lánzase a facer negocios. E por suposto todos comezan a tomala en serio. Un bo corte de pelo pero sobre todo un bo traxe gris eran a clave para triunfar.
O novo look de Tess era un claro exemplo do power dressing, ese espantoso estilo business dos 80 que toda muller que quixera ser algo na vida tiña que seguir. En ‘Moda. Una historia de la moda en el siglo XX’, de Taschen, explican como naceu o estilo. Margaret Thatcher chegou ao poder no Reino Unido no 1979, as mulleres estaban ocupando cada vez máis cargos directivos e a igualdade converteuse nunha cuestión de primeiro orde. Todos eses factores fixeron que esas mulleres poderosas comezasen a vestir cun gardarroupa inspirado nos traxes conservadores e formais de chaqueta (patrimonio masculino ata entón) aínda que, explican no libro, dándolle un certo toque sexy, porque eran os 80 e eran os tempos nos que a moda deu importancia á consciencia do corpo. ‘Dress for Success’ e ‘The Women’s Dress for Success Book’, dous bestsellers dos 70 que explicaban como a roupa marcaba o ter ou non ter éxito, axudaron a poñerlle nome.
O power dressing era un xeito de vestir diferente, serio, gris, que indicaba claramente poder e que se asociaba rapidamente ás finanzas e ao mundo da empresa. Calquera muller que quixera ter un alto cargo acababa claudicando. Os traxes power dressing estaban en todas partes e Giorgio Armani era o seu profeta. Afortunadamente (benditos sexan os deuses da moda), a comezos dos 90 un editorial de moda de Vogue Estados Unidos (o Vogue máis importante de todos) acabou co power dressing. Os traxes de chaqueta de cores conxuntadas, o gris, o vestirse para mandar e esas ombreiras que daban medo estaban condenadas a desaparecer. (No fondo, se o pensades friamente non era máis que coller os códigos de vestimenta do home poderoso e adaptalos). Moitos asumen que o power dressing nunca desapareceu de todo (pensade en todas esas mulleres do mundo da política que seguen vestindo aburridos traxes grises) e, aínda que hai quen segue poñendo traxe de chaqueta cando chega ao poder, o business code é moito máis diverso e personalizable.
Pero, como unha maldición, todo no mundo da moda acaba volvendo e o power dressing estaba visto que tamén ía ter o seu revival. Só nos Estados Unidos 3,9 millóns de traxes femininos serán mercados durante esta tempada outono-inverno e nos doce meses que remataron o pasado mes de maio as ventas (pre retorno) medraron un 27%. Son datos de The Wall Street Journal, o xornal que anuncia a volta do power dressing (pensade que de power dressing eles teñen que saber por forza moito) e anuncia a tendencia a renunciar a un look distendido nos postos de poder e nas empresas. O look casual que imperaba nas oficinas e os vestidos con rebecas de Michelle Obama poderían ter os días contados, alertan. Os anuncios das marcas de moda nas revistas especializadas (haberá que estar especialmente atentos aos números de setembro) están cheos de propostas power dressing (dende Dior ata, claro está, Armani) e as cadeas de prêt-à-porter están incorporando os traxes de chaqueta. Barneys vai lanzar unha colección cápsula de traxes que recuperan os estilismos dos 80 (aínda que pulíndoos para adecualos aos tempos: as ombreiras rollo rugby son algo polo que ninguén pasa xa) e o próximo filme de Jodie Foster (no que fai de muller poderosa) centra os seus estilismos en varios traxe chaqueta de Armani.
Os tempos de vestir aburrido e como un señor de mediana idade que fai inversións na City agardan ao final da rúa. Choremos.