N-VI: que foi da estrada que nos unía a Madrid?

Calquera que no seu pasado teña viaxes con certa frecuencia de Galicia a Madrid lembrará ese momento no que, de súpeto, o traxecto pasou de durar entre oito e dez horas a levar tan só unhas cinco ou seis. As paisaxes interminables de Castela quedaron agochadas tras a velocidade da autopista e os mapas de estradas con todos eses nomes de vilas tan divertidos empezaron a coller po primeiro na guanteira, despois no maleteiro. E a N-VI, que era a estrada que nos unía con Madrid, desapareceu das nosas vidas. Que foi dela?

Iso foi o que de súpeto se preguntou Pela del Álamo, director de cine, cando un día, facendo un traballo sobre os viadutos da nova autovía A-6, viu desde o alto dunha montaña que “a antiga estrada seguía alí, sinuosa, perfectamente axustada á ladeira”. A autovía, pola contra, “atravesaba o val en liña recta, como podería atravesar calquera outro territorio”. E aí foi cando o director tomou conciencia do cambio e pensou “en todo o que deixaramos atrás”. A partir de aí, a curiosidade tomou a decisión: facer un documental sobre a antiga N-VI.

Pela del Álamo - Foto de Iván Nespereira_COH3

Pela del Álamo é desas persoas que gardan a lembranza da N-VI como parte da súa infancia. “Nacín en Madrid e cando tiña catro anos a miña familia trasladouse a Galicia”, cóntanos por email. “Desde entón, pasei toda a vida viaxando en coche entre estes dous puntos”. Está presente toda esta bagaxe persoal no filme? Se ben esa era a idea inicial, “unha viaxe de volta á estrada da miña infancia”, o resultado final foi outro, máis “un retrato coral dunha estrada esquecida onde todo o peso reside nestes personaxes que habitan eses espazos de resistencia”. Todo con algunhas road movies coma ‘Route One’ de Robert Kramer e, especialmente, ‘On Hitler’s Highway’ de Lech Kowalski na cabeza.

E o certo é que a esa idea nacida do máis profundo da infancia de Pela del Álamo tornada en documental non está a irlle nada mal. O filme vén de ser seleccionado para competir no Festival de Málaga (terá lugar a próxima semana), aínda que o director se mostra cauteloso con respecto ao impacto que o evento pode ter na visibilidade de ‘N-VI’. “Se ben Málaga é un festival moi mediático”, conta, “por momentos o cine queda un pouco esquecido en prol da alfombra vermella”.

Non obstante, un non se mete na aventura de facer un documental por cartos (aínda que, puntualiza Pela, “ten que ser viable”), senón máis pola “necesidade persoal de crear para expresar, para dialogar”. E ao igual ca el, en Galicia hai moitos tolos que decidiron darlle saída ás súas inquietudes a través desta forma, fomando “unha escena de directores moi interesante”. Pela del Álamo é optimista, xa que ve que “hai xente que está nisto por vocación creativa, por necesidade vital, e iso é o que me fai pensar que malia que as institucións estean desaparecidas, este panorama non vai morrer”. Ademais, sinala outros “axentes fundamentais”, como o PLAY-DOC ou a Mostra de cinema periférico S8.

Que proxectos de futuro ten Pela del Álamo? De momento, tan só fala da distribución de ‘N-VI’ e de seguir sacando adiante Diplodocus Producións, a súa produtora. “Cando haxa tempo e enerxía, xa falarei das ideas futuras que teño”, adianta. “Non hai que vender a pel do oso antes de matalo”.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *