Beep, beep! Potencial amigo á túa esquerda: apps de descubrimento social e idealismo

Highlight“Se a xente pode compartir un pouco de información sobre si mesma, o mundo mellora. As persoas lembran os nomes de outros, ven as súas conexións ocultas, vólvense máis amistosos! Desbloquéanse un montón de cousas e o mundo, simplemente, vólvese un lugar mellor”.

Quen di estas palabras cargadas de idealismo e inocencia é Paul Davison, cofundador de Highlight, unha das apps que máis deu que falar durante o festival South By Southwest (SXSW), que se celebrou a semana pasada en Austin (Texas). Highlight permite aos usuarios coñecer cousas sobre xente á que non coñece e que se atopa no mesmo lugar. Amigos comúns, intereses compartidos. O impulso para pasar de cara familiar a amigo. O impulso para un mundo mellor. O idealismo da xeolocalización está a piques de chegar.

E é que o de Foursquare foi só o principio. O futuro está, din todos os medios que cubriron o SXSW in situ (todo se andará, queridos lectores, algún día seremos nós), nas apps de “descubrimento social”. Lembras o o concepto SoLoMo? Pois é a unión perfecta entre as tres categorías, a unión do social, co local e co móbil, o que parece mover a todas estas novas apps que esperan converterse no Facebook ou Twitter (ou Foursquare!) do futuro.

Durante o SXSW falouse moito de Highlight, pero non aos niveis dos booms de edicións anteriores (Twitter en 2007 e Foursquare en 2009) debido simplemente a que non son os únicos coa mesma idea: o descubrimento social chega da man tamén doutras apps que foron presentadas durante o festival. Glancee é o principal competidor de Highlight, xa que ambas apps fan practicamente o mesmo.

Despois hai outras ideas algo menos inquietantes (que si, que nuns meses estaremos todos preguntándonos como era a nosa vida antes de recibir alertas no móbil cando esteamos próximos a alguén con potencial para ser o noso amigo, pero de momento a cousa dá medo) e a priori máis útiles. É o caso de Localmind, que nos permite saber como están as cousas nun lugar ao que pretendemos ir. Chegas tarde a un concerto? Lanza unha pregunta en LocalMind (é unha app de preguntas e respostas) preguntando se xa empezou. Queres ir á praia? Pregunta se se está ben ou vai vento. A xente que está xa no lugar, contestará.

“A forma na que descubrimos a xente nova é e ten sido sempre incriblemente ineficiente. Se puidesemos simplemente mellorar ese proceso, o mundo sería un lugar mellor”. Paul Davison ten potencial de gurú e ollos de visionario. O tempo dirá se a súa visión é, efectivamente, a correcta.

* Highlight está xa disponible, aínda que só para iPhone. Máis na súa web. Glancee funciona en iPhone e en Android. Localmind está tamén para Android e iPhone.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *