Debemos confesar unha cousa: non seriamos nada se non existise Ortogal, unha ferramenta da Universidade de Vigo que che permite comprobar en todo momento que o que esteas a escribir sexa correcto. E pode que dentro de nada tampouco sexamos moito sen @Profe_Galego, un perfil en Twitter que soluciona todas as dúbidas que aos tuiteiros lles poidan xurdir sobre o uso (e abuso) da lingua galega. Ninguén sabe quen se esconde detrás deste perfil, porque como os superheroes @Profe_Galego ten unha vida no Twitter desfacendo problemas lingüísticos e outra fóra, no mundo civil. Contactamos con @Profe_Galego vía correo electrónico e confésanos que é licenciada en Filoloxía Galega e que como o seu ID na rede social adícase á formación en galego.
– Por que comezaches a resolver dúbidas de lingua no Twitter?
Cousas da profesión (que non *gajes do oficio). Pensei que sería un bo método para intentar exterminar erros moi frecuentes na nosa lingua que detecto acotío. Existe un problema co galego: a normativa oficial (sen entrar en debates co reintegracionismo) non nos chega/chegou correctamente e isto deriva nun problema relacionado coa normalización, pois a xente non acaba de percibir o galego como unha lingua culta. Ademais, as persoas que deberían ser as encargadas de transmitir esa variedade de lingua non son nada responsables co asunto: a nosa clase política, con poucas excepcións, é castrapeira absoluta, e tamén algúns presentadores, xornalistas e mesmo profesores. Estou certa de que se todas as persoas coñecesen e empregasen a variedade que oficialmente se considera a culta no noso idioma, a percepción do galego sería ben diferente e repercutiría no éxito da normalización.
– Canto tempo lle adicas de media ao día a responder aos internautas?
Non che podería dar unha media porque depende do traballo que eu teña, da cantidade e dificultade das preguntas que me formulen e, por suposto, das musas. Se teño moito traballo e non teño dúbidas que resolver, podo pasar uns días sen entrar na páxina; se me fan algunha pregunta, intento respondela o antes posible (algunhas non son doadas e lévame tempo buscar unha solución); ás veces as musas están preguiceiras e non se me ocorren aclaracións para tuitear.
– Cal está sendo a resposta dos tuiteiros ante a conta?
En xeral, bastante boa. A xente pregunta, participa e achega propostas. Algúns tuiteiros axúdanme facendo aclaracións sobre lingua que non se me ocorreran e que aproveito para retuitear (nisto teño que salientar a colaboración de @amilGZ en concreto).
–Permiten este tipo de iniciativas conectar cun público máis novo e sobre todo chegar a quen pasaba do galego?
Non teño claro que conecte cun público máis ou menos novo e tampouco sei se consigo realmente chegar ás persoas que pasaban do galego. En principio o obxectivo é ben simple: facer unha pequena achega para que a lingua se use con máis corrección, sen máis.
– As dúbidas resólvelas ti no Twitter, para conxugar verbos en galego no smartphone hai que botar man dunha app tamén de iniciativa privada… Que está pasando coa RAG? O seu dicionario online é xa vintage e o seu comportamento na rede nada ten que ver coa RAE (o dicionario é fantástico e podes preguntarlles todas cantas dúbidas tes e responden moi rápido). Non debería o galego, que é unha lingua con máis problemas, aproveitar máis o potencial da rede?
Antes de nada teño que sinalar que existen outros sitios na web onde podemos preguntar dúbidas sobre lingua, por exemplo, o foro de debate en Un idioma preciso do que se encarga o SNL da USC.
Canto á túa pregunta, é obvio que a RAG desaproveita o potencial que ofrece a rede, especialmente neste momento tan crucial que estamos a vivir en termos sociolingüísticos. Malia isto, non creo que a comparación que estableces sexa xusta. A Academia española conta cuns orzamentos e cun apoio institucional que a galega non ten. Así mesmo, o traballo andado pola española facilítalle moito o seu labor (conta con dous séculos máis de vida, a dificultade do seu proceso de normativización non é comparable ao noso e non teñen que bater cun proceso de normalización). Na miña opinión, a situación podería mudar se a RAG destinase os seus escasos orzamentos a proxectos verdadeiramente produtivos, se contase cun apoio institucional real (hogano é unha paraxisma) e se os lingüistas e non os “académicos” tivesen máis peso. Desde logo, é imposible normalizar unha lingua sen normativizala e sen difundir esa normativa, e isto un é labor da RAG e das institucións galegas. A clase política xa sabemos como é e adiviñamos cal pode ser a súa actitude; aos membros da RAG, especialmente ao seu presidente actual, penso que lles sobra acomodo e que lles falta unha dose grande de afouteza e responsabilidade.
O do DRAG en liña é moi grave e pouco serio. O problema xa non é só que siga sen estar accesible senón que anunciaron nos medios de comunicación que sairía en febreiro e non foi así, sen dar explicación ningunha. Agora seica vai estar en liña “nuns días”.
1 comentario