Nos últimos tempos varias son as marcas de roupa que están a intentar facer algo diferente e que buscan crear vestidos, pantalóns ou camisetas que non son simplemente vestidos, pantalóns ou camisetas. Son, en realidade, algo máis, ben sexa porque naceron moi preto da túa casa, porque o fixeron recuperando unha industria que esmorecía, porque non foron fabricados en China seguindo os parámetros da fast fashion ou porque a materia prima da que parten son en realidade materiais bastante sorprendentes, como plástico en busca dunha nova vida ou restos de tecidos que son reempregados dun xeito creativo. Algo de todo isto está na colección que acaba de presentar Latitude, que está traballando agora mesmo para levar estes deseños de moda sostible completamente made in Galicia a un ‘bo porto’.
A marca acaba de abrir unha campaña en Kickstarter (tedes ata o venres 18 para participar) na que están vendendo a súa primeira colección. Se se chega á cantidade establecida, lanzarán a produción dunha colección de moda para home e para muller que non só estará feita nos talleres de costura de Galicia (e posiblemente moito máis preto da túa casa do que imaxinas) senón que ademais o farán cunha lista de materiais bastante sorprendentes (e respectuosos co medio ambiente).
Non hai máis que mirar con que están feitas as súas camisetas. Para facer o modelo de muller, empregan un material coñecido como lyocell, que é un tecido feito de celulosa de madeira. E a madeira da que saen estas camisetas é a da árbore que posiblemente esperte máis paixóns en Galicia: o eucalipto. O lyocell é, por certo e como todos os materiais cos que se fai esta colección, un material especialmente ‘friendly’ co medio ambiente porque require menos auga e menos químicos para o seu procesado.
Pero ademais do eucalipto as pezas de Latitude están feitas con outras materias primas de partida bastante sorprendentes. Así, as súas saias ou o elegante vestido pantalón que inclúen na colección (un deses que ben che valen para a tempada de vodas e tamén combinando de forma diferente para o día a día) están feitos con botellas de plástico.
O tecido impórtase de Italia, que é onde se está a facer o innovador proceso que permite converter as botellas de refresco e similares nun tecido cun acabado de gran calidade. O proceso de reciclado é similar ao habitual nestes casos, aínda que o resultados sexa bastante inesperado. Collen as botellas, clasifícanas e tras limpalas, cortalas e sometelas a certos procesos mecánicos convértenas nun polímero, do que se creará o tecido. E así, en lugar de crear un tecido de poliéster seguindo o tradicional proceso, lógrase vía un proceso de reciclaxe que recupera algo que ata entón era lixo para o converter nunha cousa con potencial para ser moi glamurosa e gastando menos auga e enerxía e con menos emisións de CO2 no camiño.
Reciclar tamén reciclan la nesta colección (aínda que se fai dun modo diferente: cos tecidos o que se fai é rexenerar a materia prima). As americanas están feitas con la rexenerada. As ovellas tamén teñen un impacto no medio ambiente, xa que precisan grandes extensións de terreo onde pastar (o que ten un impacto directo nos recursos desas zona). Máis alá de que as ovellas coman todo canto lles quede de paso, está o feito de que para crear a la tal como a vemos hai que empregar grandes cantidades de auga, químicos e enerxía para converter a materia prima nun tecido. Como reducir este impacto e non renunciar á la? A alternativa é a la rexenerada (a que usan nas americanas de Latitude), o que por certo non é nada novo. Antes xa se reutilizaba a la. Cando un xersei vello, por exemplo, non podía ser empregado máis, era triturado para darlle unha nova vida ao material e convertelo nunha manta. No proceso actual, usan a la que sobra cando se fan prendas ou a reciclan a xa usada para crear un novo tecido (con máis calidade certamente que as mantas de la do pasado) e darlle unha nova vida.