Chega agosto e de súpeto todo o mundo fala de viaxes. Onde irán de vacacións, de onde veñen, suben fotos ao Facebook desde destinos exóticos e ti, madita sexa, ti estás na casa e non tes pensada ningunha viaxe. Sexa porque non tes tempo ou porque non tes cartos, o caso é que o que toca é coller aire, sorrir porque polo menos este verán está a ser bo e podes ir á praia e aprender a desfrutar da túa propia cidade. E se aínda así botas en falta iso de probar cousas novas, só tes que mirar ao teu redor. En Galicia temos xa bastantes restaurantes con gastronomía internacional e pratos exóticos. Hai un tempo xa vos falamos dos restaurantes exóticos de Compostela, hoxe toca viaxar ao sur. Na cidade olívica, en Vigo, hai tamén algúns que vale a pena probar.
1. Taj Mahal (Baixada á Fonte, 12). Este restaurante indio estivo bastantes anos na rúa Vázquez Varela, cun local enorme que estaba sempre sen xente, o que nos fixo chegar moitas veces á conclusión de que en realidade é unha tapadeira dalgún outro tipo de negocio. Hai uns meses trasladouse ao Casco Vello, a un espazo máis pequeno que adoita, pola nosa experiencia, a continuar coa súa tradición de non ter xente. Pero que iso non vos bote para atrás: os seus pratos son deliciosos, baratos e o sitio moi auténtico (a música, as novelas hindúes que están sempre a ver no ordenador da barra, a decoración, …). Imprescindible!
2. Chilam Balam (Padre Don Rúa, 11 / Oporto, 7 Interior). Quen non coñece a estas alturas o Chilam Balam? Cociña mexicana moi rica, un sistema algo complicado para pedir, e a explicación de que a salsa de arriba é sempre a máis picante. O seu persoal é de feito un dos seus pluses, sempre dispostos a explicar que é cada cousa e se é para padais delicados ou só para os máis atrevidos. Os prezos están ben (non é especialmente barato, pero tampouco especialmente caro -a non ser que pidas o menú degustación, avisamos) e os locais son agradables. Iso si, é mellor se chamas para reservar antes. Ademais dos dous restaurantes en Vigo, agora tamén serven os seus pratos no Pénjamo en Patos.
3. Vigo Kyoto (Cuba, 28). Da cadea de restaurantes xaponeses Sushidakí, que ten tamén locais en Compostela e A Coruña. Non é o único xaponés de Vigo, pero si o máis popular, así que por algo será. O sushi está especialmente bo e chama a atención que os postres estean tamén ricos (algo non sempre habitual nos xaponeses), cun brownie con té verde exquisito. Iso si, ao entrar é necesario tamén poñerse zen e deixar as présas e o estrés na porta, porque o servizo é bastante lento. O de probar cervexa xaponesa fai tamén ilusión.
4. Cervecería Bavaria (Florida, 21). Se o que queres e comida contundente, nada mellor que probar os pratos alemáns (e as cervexas!) do Bavaria, a onde é imprescindible ir con fame. Ademais da clásica carne de porco, hai tamén pratos (menos alemáns, certo, pero igualmente exóticos) con carne de canguro e de avestruz!
5. Isola Bella (Ecuador, 23). En Disquecool somos moi fans do Isolla Bella, un italiano que os martes e o xoves se converte en xaponés. Todo nel ten ese toque de decadencia algo cutre, mestura do típico restaurante italiano (non é raro que soe Eros Ramazzoti) con elementos xaponeses na decoración (os cadros que adornan as paredes ben valen a visita). E a comida como está? A italiana moi boa; a xaponesa non a probamos, pero ten bastante boa fama tamén. Os prezos están ben, especialmente tendo en conta que os pratos, sobre todo as pizzas, son enormes.
Engado un par de eles, por se che apetece algún outro a máis dos teus preferidos. Non están no centro.
Son dous mexicanos, e son cativos e moi curriños:
– Pastora 1 (na rúa Pastora), ó lado do pabillón de deportes
– Cantina Cielito Lindo, en Alfonso X o Sábio, ó lado de plaza América.
Recomendoos moito, a nivel do Chilam, e moito máis familiares. De feito o Pastora 1 é cativo, cativo, debe ser un dos restaurantes máis pequenos de Vigo.
Estaba teimando por algún outro,así tamén un pouco escondido, pero hoxe non teño a mente moi clara.
:)
Un saudo.
Está claro que el exotismo en Vigo, brilla por su ausencia… :_(
non esquecer o asador uruguaio-arxentino do nautico, o prezo é alto, pero merece a pena!!
ai e o Tamarindo coas súas arepas e as papas arrugadas!