Deliciosa panadería afrancesada en La Bulanxerí

La bulanxerí

Entrei na galería na que se atopa La Bulanxerí polo extremo oposto a onde se atopa e fun seguindo o arrecendo a pan e a bolería recén feita. Non podía deixar de pensar no rico que debía estar o que así arrecendía. Despois comprobei que si, que a bolería non só cheiraba estupendamente senón que tamén tiña un sabor espectacular. La Bulanxerí leva aberta dende o pasado mes de xaneiro e xa dende entón conseguiu facerse cunha certa reputación (se a descubrimos foi porque pouco despois da apertura a miña nai xa me dixo que tiña que pasarme por alí) sobre o que ofrecen. A panadería (só venden pan e bolería, nada de pasteis que, como me explicou un dos seus fundadores, son outra cousa) ten certo aire afrancesado que comeza polo nome, pasa polo xeito no que fan os produtos e que culmina nunha oferta na que se dan cita baguettes (das de verdade), croissants parisinos ou pains au chocolat dignos dunha merenda escolar gala.

Os seus fundadores veñen do mundo das novas tecnoloxías. Facían películas de animación ata que quedaron sen traballo e, como nos conta un dos fundadores a pé de panadería, decidiron lanzarse a crear unha panadería. Detrás de La Bulanxerí están dous socios galegos e un francés (de aí os aires franceses do lugar), que están facendo algo diferente. “O pan é de volta ás raíces, pero con tecnoloxía moderna”, explícanos Alberto Neira. “A nosa aposta é esa, a da calidade”. Así, o pan de La Bulanxerí está feita ao xeito tradicional, usando pan, auga e sal, pero empregando maquinaria moderna. Teñen unha máquina que controla a temperatura e o PH da masa (como nos conta Alberto o 90% das panaderías francesas teñen este tipo de maquinaria) e que fai que os panadeiros xa non teñan que comezar ás dúas da mañá meter no forno o pan. Neste caso, o forno abre ás 6.

La Bulanxerí

E de todo este traballo sae pan de centeo, de trigo, baguette, pan con sementes, pan kamut ou pan de millo feito con fariña dunha granxa ecolóxica de Coristanco. O resto das fariñas chegan de Francia, porque non atoparon en Galicia unha fariña coas características de calidade que buscaban que puidese servir nas elevadas cantidades que precisaban.

O público é moi variado. Mentres faciamos a entrevista entraron mozos, turistas, algunha familia e unhas cantas avoíñas. “O público é diverso”, dinos Alberto, “como Santiago”. “Ven moita xente maior”, explícanos, “que di que a calidade do pan é como a de antes”. “A xente recoñece que ten valor. E mola”.

La Bulanxerí está en Santiago de Chile, 16

Fotos | La Bulanxerí

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará