Os sapeurs ou como ser cool en Brazzaville

Señores de Bacongo

A elegancia clásica volve estar de moda. Iso, que non nos sorprende en Londres (con movementos coma os New Traditionals) si causa certa conmoción se o vemos nun dos barrios máis pobres da capital do Congo. E sen embargo, é unha tendencia que pega con forza.

Na exposición de PhotoEspaña 2012 “Caballeros de Bacongo”, que se pode gozar agora no Círculo de Bellas Artes de Madrid, podemos ver as fotografías que Daniele Tamagni fixo aos membros da SAPE (Societé des Ambianceurs et des Personnes Elégants) de Brazzaville. O que podería ser un editorial de moda ( belas fotos de vestidos elegantes sobre fondos ruinosos) é por contra o retrato dun estilo de vida elixido contra vento e marea (ou polo menos, contra dificultades materiais).

Tamagni BacongoE é que os sapeurs visten de Yves Saint Laurent, Marcel Lassance ou Cacharel –combinándoos con accesorios vintage coma bastón, pipas ou bombíns- a pesares de apenas ter cartos para comer. Os sapeurs da diáspora (hai unha ampla comunidade congoleña vivindo en París ou Bruxelas) conseguen a roupa, que envían a Brazzaville. Alí, poucos poden permitirse mercar esas prendas, polo que triunfa o aluguer diario.

Que tal como están as cousas no Congo, a principal prioridade dos sapeurs sexa un novo modelito é algo que causa indignación a moita xente. Por non falar das vellas xeracións de Brazzaville, que ven na moda francesa un símbolo máis do colonialismo. Por outro lado, os creativos criterios para seleccionar e combinar o vestiario, froito de gustos e estéticas locais, están conseguindo fama mundial e o seu estilo xa ten inspirado coleccións de moda de deseñadores coma Paul Smith. Dalgún xeito, os sapeurs se apropian así -subverténdoos- dos patróns occidentais para proclamar a súa individualidade fronte a pobreza.

As fotos de Tamagni, a medio camiño entre a fotografía de moda e a reportaxe social, subliñan esa incongruencia entre a roupa de alta costura e o contexto  de miseria na que esta é exhibida, mostrando a vivacidade e o carácter dos dandis africanos. Se non planeas unha visita a Madrid, tamén pode pagar a pena mercar o seu libro “Glentlemen of Bacongo” dispoñible en Amazon.

Caballeros de Bacongo

Fotos | Daniele Tamagni 

 

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *