Ti querías, de verdade que si. Cando a calceta empezou a inundalo todo, cando para ser cool de verdade tiñas que ter unha bufanda feita por ti mesmo, colliches as agullas de calcetar da túa nai e algo de la e decidiches empezar a calcetar. Pero entón descubriches que non era tan fácil. Non todos estamos feitos para os traballos manuais, non todos estamos feitos para calcetar algo e que non nos dea vergoña poñer ou regalar. Co boom do DIY vivimos tempos difíciles para o hipster manazas. Pero non te preocupes, temos unha alternativa: coleccionar selos!
Non, non nos mires así. Pénsao un momento, os selos representan todo o que a cultura hipster reivindica. Están moi relacionados co mundo do deseño vintage e son definitivamente old-school: falan dun tempo no que a xente se comunicaba por carta, dun tempo totalmente analóxico. E coleccionar selos é algo que facía o teu avó. Se vistes como vestía el (new traditionalists, falamos de vós), queres bailar swing e soñas co momento no que volva ‘Mad Men‘, non vemos por que non queres coleccionar selos. E como o look empollón, ou nerd, ou geek (coas súas diferencias) volve a estar de moda, os selos son o accesorio perfecto.
O mellor de todo é que non estás só, pero que a cousa aínda non é mainstream. Unha serie de estatísticas apuntan ese rexurdir das coleccións de selos: en eBay din que nos últimos anos viron un aumento do 30% nas vendas relacionadas coas coleccións de selos e cada vez máis famosos confesan estar algo enganchados ao hobby dos seus avós. Ronnie Wood (vale, este é avó en si mesmo) dos Rolling Stones, a tenista Maria Sharaphova, Sophie Ellis-Bextor (dixo nunha entrevista que a súa colección de selos sería o segundo que rescataría da casa despois das fotos se houbese un incendio)… E despois outros como Daniel Radcliffe (Harry Potter) están a inverter en selos, vendo que en plena crise económica o mercado continuou a crecer como se non pasase nada.
Os expertos no tema citan dúas razóns principais para este revival. En primeiro lugar está a economía: coleccionar selos é algo barato (se non te pos a buscar cousas demasiado raras ou valiosas, claro está), para o que non fai falta moito máis que un álbum e algo de tempo libre. Onde conseguir os selos? Podes intentar que a xente che envíe cartas ou unirte a Postcrossing, pero tamén podes simplemente ir a Internet e facerte con eses bonitos deseños sen saír da casa.
O do deseño é o outro punto clave e o que máis atrae aos novos coleccionistas, os adultos de entre 30 e 40 anos, urbanos e modernos. A estética dos selos está de súpeto a ser rescatada e recoñecida como arte: o seu carácter de miniatura, o punto vintage, o feito de que moitos ilustradores teñan pasado polo deseño de selos ou as edicións especiais fan da filatelia algo definitivamente atractivo desde o punto de vista artístico. E tes ata apps para crear os teus propios selos, aínda que o mellor é o de Canadá: Canada Post ten unha app para converter calquera foto nun selo que despois poderás utilizar nunha carta. É ou non é fantástico? (Correos! Cópiao xa!)
E se o pensas, o rexurdir non é tan estraño. A creación de albumes de selos está tamén relacionada co boom do scrapbooking. Os selos xa non teñen por que estar nun álbum monótono e gris, senón que a colección en si é tan importante como a forma na que se garda, na que a creatividade de cada un pode empezar a xogar. Claro que se eres dos que non teñen talento para o DIY, igual é mellor simplemente comprar un álbum bonito e non lanzarse a recortar e pegar cousas.
Se aínda non estás convencido, pensa nese momento no que todos os teus amigos/coñecidos falan de quedar para calcetar e miran para ti con ollos de pena. Entón ti dis: “non, de todas formas eu non podía, teño reunión no meu club de filatelia”. Iso, amigos, é ser hipster.
Na web de Correos, na Oficina Virtual, xa se poden facer selos a partir dunha imaxe! Non é unha app para dispositivos móviles, pero para o antoxo de facer o teu propio selo sí vale :)