Da auga ás túas orellas: os complementos mariños de Paula Tubío

Nas mans de Paula Tubío os mexillóns, as ameixas e os percebes adquiren unha nova función. Os froitos do mar non son só para comer. Tamén poden ser pendentes, pulseiras ou colares. ‘Lío de palangre’ é a colección que a boirense vén de presentar coa cultura mariñeira como referente á hora de seleccionar tanto as temáticas como os materiais. Baixo o sobrenome de A gata moscovita esta psicóloga convertida en deseñadora mergúllase na tradición galega para crear orixinais complementos que recenden a mar e música de pandeireta.

“Penso que todos aqueles que tivemos a sorte de nacer e criarnos nunha vila mariñeira desenvolvemos un vínculo especial co mar. Non concibo a miña vida lonxe da costa. Non é só a beleza que proporciona a paisaxe, senón a cultura á que vai asociada”. Ligada a este sentimento expresado por Paula nace ‘Lío de palangre’, unha colección composta de 17 pezas entre as que se atopan aneis, colgantes, pulseiras, colares, broches, pasador e tocado para o pelo, que teñen en común a súa asociación coa cultura mariñeira. As ameixas, a rede, o mexillón, as cordas de batea, as latas de atún, os percebes, o polbo e as algas convértense en xoias. Metais, madeira, teas, abelorios, cunchas e uñas de percebe combínanse para dar lugar a complementos que falan das nosas costas.

Os inicios profesionais de Paula Tubío pouco teñen que ver co deseño de complementos. Estudou Psicoloxía, e aínda agora exerce a súa profesión principalmente nos eidos da formación e a inserción laboral. Como consecuencia das circunstancias laborais actuais esta boirense foi atopando cada vez máis tempo para facer cousas relacionadas co deseño, como creación de complementos ou roupa. Comezou creando para ela, pero pouco a pouco chegaron os encargos e co boca a boca foi ampliando a súa rede de clientes e abriu un espazo na rede para vender os seus produtos, A gata moscovita.

De todo isto hai menos dun ano. O primeiro paso foi a colección pandeireta, seleccionada para o catálogo e a exposición itinerante do concurso de artesanía Antonio Fraguas na modalidade de artesanía contemporánea. Ao igual que coa colección ‘Lío de palangre’, Paula inspírase e trata de “pór en valor elementos da cultura galega”, nesta ocasión a partir dun dos instrumentos por excelencia da música popular de Galicia. Ao mesmo tempo esta deseñadora desenvolve unha liña paralela de complementos “cun toque nostálxico” inspirados en personaxes como Pippi Långstrump, o Principiño, Amélie ou unha mesmo unha Nancy vestida con traxe tradicional galego.

De entre todos os produtos “a pandeireta é a raíña” e da última colección o percebe é o máis exitoso. Pero Paula teno claro á hora de escoller o seu complemento favorito: “a pulseira e o colar alga, xa que como moitas nenas gustábame poñer as algas de xoia cando ía á praia”.

Os accesorios de Paula Tubío están á venda na súa web. Ademais, a deseñadora acode a feiras e non descarta comercializar as súas creacións en tendas. Para ‘Lío de palangre’ decantouse por un novo formato de presentación, levando a colección a unha sala de exposicións. Nos próximos meses A gata moscotiva pretende ampliar o seu abano de produtos cunha liña de bolsos e camisetas que estarán dispoñibles na primavera de 2013.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *