Tralas pegadas de The Sartorialist

Esta podería ser a crónica dunha xornalista sen moita paciencia que agardaba un pouco aborrecida (pero non lánguida, que non ten o aspecto apropiado para iso) a que chegase o home do momento bebendo champaña (posiblemente moi cara) e vendo (as) fotos. Tamén podería ser a historia de como non ter moita paciencia che leva a marchar xusto cando a quen ías ver está subindo as escaleiras e vos cruzades no momento xusto no que un chega e a outra marcha. Pero sobre todo – e é o que vai ser – é a crónica de como a fotografía de estilo de rúa, o xa tan levado e traído street style, acaba por ser encumbrada á altura da exposición de museo.

Loewe acolle dende hoxe – e durante todo o PhotoEspaña – na súa tenda orixinal de Madrid (no comezo da rúa da Gran Vía) unha exposición que fai un breve percorrido pola obra de Scott Schuman, mundialmente coñecido polo seu blog The Sartorialist. Schuman conseguiu 14 millóns de visitas no 2011, que a súa obra pase á colección de museos tan importantes como o londinense Victoria&Albert e sobre todo – e nisto si sentiredes a súa pegada – revolucionar para sempre como consumimos moda. Algunha vez por preguntastes porque agora todos os medios especializados en moda teñen unha sección na que recollen o estilismo da xente? A resposta está no que fixo este señor.

Dúas imaxes de Scott Schuman

Dúas imaxes de Scott Schuman

No ano 2005, Schuman abriu un blog (podedes rastrexar no arquivo da súa web como eran os seus primeiros post e descubrir na Wikipedia un pantallazo de cando era un simple blogspot). Deixara o traballo no mundo glamuroso da moda para quedar na casa e coidar da filla, como se descubre lendo as primeiras entrevistas e reportaxes que lle adicaron na época, e empezou a facer fotos da xente que vía pola rúa e que tiña estilo.

Unha mostra do traballo de The Sartorialist

Unha mostra do traballo de The Sartorialist

The Sartorialist tentaba descubrir como a moda chegaba á xente normal, de a pé. A idea foi rapidamente un éxito, primeiro na blogosfera e logo no mundo da moda. A xente sentía unha certa fascinación por descubrir como persoas como eles mesmos podían ser iconas de estilo. A xente que retrataba Schuman estaba na rúa, non tiñan porque ser grandes nomes do mundo da moda e sen embargo tiñan algo.

Tiñan esa palabra francesa tan usada, charme? As fotos que se poden ver en Loewe,  unha selección das escollidas polo autor para o seu segundo libro (o primeiro saíu en 2009 e foi un auténtico éxito de vendas), mesturan personaxes de todos os tipos pero que todos teñen – dentro da súa maneira de vestir – estilo.

Que poden ter en común un xudeu ultraortodoxo, un par de persoas retradas no medio do deserto, unha rapaciña de aire retro e un fashionista? En todos soubo ver Schuman ese estilo. As fotos capturan a personalidade do retratado e sobre todo ese algo segredo que fai que teñan estilo. A pesar de que estamos na rúa e de que estás vendo a alguén que non é un modelo, todas as imaxes teñen un aire a editorial de moda (bo), un que sei eu que lles dá ese toque fashionista. O curioso é que non foron os editoriais de moda quen influíron en The Sartorialist, senón The Sartorialist quen o fixo neles.

Outra das imaxes de Scott Schuman

Outra das imaxes de Scott Schuman

Schuman foi un dos primeiros, aínda que non o único. Daniele Tamagni, por exemplo, é outro dos fotógrafos da presente edición de PhotoEspaña e tamén fai unha sorte de street style captando aos sapeurs, os elegantes homes cool do Congo. Multitude de revistas de moda se uniron a Schuman e, na súa estela e na de outros coñecidos nomes do street style, lanzaron as súas propias seccións sobre o que se leva na rúa. De feito, a última Semana da Moda de París presentou unha aglomeración tal de cazadores do estilo da rúa nas portas dos desfiles que as propias revistas de tendencias lle adicaron artigos a eses enxambres de captadores de imaxes.

The Sartorialist xoga, obviamente, noutra liga. El, un home non moi alto, forte tal como se ve nas fotos e por suposto cun certo estilo, vai xa máis alá. A súa procura do estilo deu xa o salto ao que podería ser arte. Na inauguración da súa exposición en Madrid, unha colección bastante completa de imaxes que converte o que eran píxeles en tanxible papel e a primeira que se poderá ver en España da súa obra, había moita xente elegante e algún que outro home con look dandy, para non desmerecer o je-ne-sais-quoi das paredes. Schuman comezou a subir as escaleiras que levaban á súa exposición algo máis de media hora máis tarde do momento previsto para o arranque da inauguración. E como era de agardar levaba a súa cámara colgando ao pescozo.

Fotos | (c) Scott Schuman, cortesía de Loewe

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *