Imaxina unha camisa xeitosa, cun corte baby que lle da un aire inocente, naif. Agora achégate ben e fíxate nos elementos que protagonizan o seu estampado. Hai pementos de Padrón, peliqueiros, nécoras e pequenas ‘galeguiñas’ vestidas co traxe ao completo. Esta é a aposta diferente de BoTwist, que ten detrás a Ani Desmonts e Elena Taboada. “Somos deseñadoras gráficas, aínda que tamén tivemos contacto co deseño de interiores e coas revistas de moda”, explícannos por correo electrónico. “A idea naceu principalmente para facer realidade un proxecto xuntas, como amigas que somos de toda a vida da Coruña”, sinalan.
As camisas están feitas con “coidado e cariño” e os tecidos son de algodón 100%. BoTwist opta ademais por unha elaboración moi próxima. “A nosa produción faise integramente en España”, sinalan, “o que é máis custoso pero nós sentímonos orgullosas de apoiar así aos provedores e artesáns locais. O ideal sería facela toda en Galicia, pero é dificilísimo atopar provedores de estampación e tecidos”. Así, parte da materia prima de BoTwist chega dende Barcelona, onde deron con eses provedores que precisan (aínda que recoñecen que “hai moi pouquiños”), e a confección queda en Galicia “nun taller estupendo”. Os estampados toman a iconografía galega, dándolle un xiro para convertela “en algo delicado e poñible”.
O resultado final é sorprendente e divertido (tanto que xa saíron no blog case de culto El Comidista, algo que lles fixo “moita ilusión” e que lles deu moita visibilidade), non moi barato (as camisas teñen versión para nena, que está nos 67 euros, e para muller, nos 94) pero cunha garantía de “calidade absoluta”. “Son deseños exclusivos, que están confeccionados con todo o coidado posible e producidos en España no canto de India ou China, contribuíndo á sostenibilidade da industria téxtil no noso país”, apuntan.
Polo momento, os pementos de Padrón ou os peliqueiros só serven de estampación para camisas para nenas e mulleres, aínda que o futuro de BoTwist non vai pasar só por aí. “Decidimos lanzar camisas porque nos gustan moito, pero isto non é máis que o punto de partida: os nosos plans de futuro van dende a decoración ata o deseño infantil”, afirman.
As súas camisas só se venden, polo momento, na súa web. O ano que vén estarán en “tendas seleccionadas” de toda España.
Fotos | BoTwist