Seguro que en máis dunha ocasión atopácheste pensando, mentres miras un escaparate dunha zapatería, “eu podería facelo mellor”. Analizas os zapatos e sempre hai algo que falla: farías determinado modelo noutro color, cambiaríaslle a forma da punteira, combinarías outras peles… Pois ben, para todos vós, deseñadores en potencia, que saibades que xa podedes soltar a vosa creatividade e deseñar os vosos propios zapatos. Como? A través de Manik Your Design.
Detrás de Manik YD atópanse Annick, canadiense filla de galegos, e Mariel, mexicana, ambas residentes en Vigo, que un día decidiron xuntar as súas paixóns e lanzar o seu propio negocio. “A min encántanme os zapatos”, asegura Mariel, licenciada en Comercio Internacional, “e a Annick o deseño” (é deseñadora gráfica). “Bueno, a Annick encántalle o deseño e agora tamén os zapatos”, rin. E así, tras ano e medio traballando na idea, en decembro apareceu na rede a web de Manik YD, desde onde cada un pode deseñarse o zapato dos seus soños.
O funcionamento é sinxelo: na web hai unha plantilla na que se pode ir escollendo todo, desde o tipo de pel e o color, ata a altura do tacón ou os adornos que queremos para o noso zapato. Unha vez deseñado o modelo, no que Annick e Mariel recomendan que se anoten observacións (se normalmente os zapatos nos lastiman nunha zona determinada do pé, se temos un algo máis longo ca o outro…), o deseño é enviado (tras comprobar que todo está ben) a un artesán que fai o zapato especialmente para ti, coas túas ordes e indicacións. Unhas tres semanas despois, terás o zapato na casa.
Unha das dúbidas máis comús que xorde ao descubrir Manik YD é a de que pasa se finalmente recibimos o zapato e non nos queda ben (ao fin e ao cabo, ao ser algo exclusivo pagaremos uns 250 euros). “Se é un problema de horma”, explican, “recomendamos ao cliente que vaia ao seu zapateiro máis próximo e nós pagamos a factura. Se prefire, tamén pode enviárnolo a nós e nos ocupamos”.
Pero aínda hai máis opcións para quen aínda non acaba de convencerse: conscientes das dúbidas e inseguridades que pode causar a idea, Annick e Mariel tamén están dispostas a ir á túa casa a amosarte ti e algunhas amigas varios modelos, ensinarte as peles nun muestrario e resolver todas as preguntas en persoa. Si, trátase de tupper-shoes. “Moita xente necesita probar un zapato antes de mercalo, ou tocar coas súas mans os diferentes materiais”, explícannos, e para iso están os tupper-shoes. En Galicia, basta con xuntar a cinco persoas para poder organizar un (no resto de España piden que polo menos se peche unha venda).
De momento levan tan só un par de semanas organizando estas reunións, pero xa teñen claro cales son as cousas que máis quere saber a xente. “Preguntan un pouco de todo: que peles temos, se facemos medios números (si), se as serpes están en perigo de extinción (é todo legal!)…”.
Como todo negocio que está a empezar, as cousas van con calma, pero o certo é que xa empezan a notar que hai crecemento. “Non temos moito capital para marketing, pero a xente chega a nós a través do Facebook, do boca a orella…”. En canto ao tipo de cliente, hai un pouco de todo, desde noivas, para as que ademais fan un trato algo especial, intentando “asexorar en todo o que poidamos, seguindo o proceso de forma moi personalizada”, ata xente que simplemente quere “darse un capricho”.
Cando Annick e Mariel contan por aí que acaban de montar un negocio cos tempos que corren reciben feedback de todo tipo, desde xente que as anima ata os que din que están tolas. “É un momento difícil, pero o certo é que a xente que valora os zapatos, ter algo personalizado e de calidade, compra, aínda que pase varios meses aforrando para darse o capricho”.
E nunha época na que todo parecen ser cadeas de roupa e zapatos iguais e na que se empezan a volver a valorar as cousas feitas a medida, a idea de Manik YD parece destinada ao éxito. Incluso se non queres pasar por todo o de deseñar o zapato (aínda que Annick creo que todos levamos “un pequeno deseñador” dentro), podes tamén acceder as mini-coleccións que están a sacar dalgúns pares. O que leves nos pés non será único, pero de seguro que non atoparás a ninguén pola rúa cos mesmos zapatos. E se ocorre, todos sabemos o que haberá: o cruce de miradas de complicidade entre dúas persoas que coñecen un segredo.