*Colaboración de Laura Vieiro
Jorge Bolado é galego, natural de O Porriño, e licenciado en Belas Artes na Universidade de Vigo. A súa paixón pola moda levouno a Barcelona para cursar un máster en Estilismo na Escola Superior de Deseño BAU. Na cidade condal coñeceu a Natalia Pérez, catalá e graduada pola Escola Superior de Deseño ESDI. Ambos souberon desde o principio que formarían unha boa equipa, e ambos forman hoxe American Pérez.
Foi no ano 2008 cando decidiron embarcar nesa aventura conxunta e desde entón non paran de coleccionar triunfos: contan co apoio da crítica, desfilaron varias veces na Pasarela Cibeles –agora Mercedes Benz Fashion Week-, participaron en certames internacionais de deseño, -como o ModaFad, no que foron finalistas en 2009 coa súa colección Miami Heat- e no seu currículo figuran numerosas aparicións nas principais publicacións especializadas. Pero eles non falan de éxito. “Malia que pareza un tópico, todo o que conseguimos non é máis que froito do traballo duro do día a día”, afirma Jorge, o 50 por cento da marca. “O segredo está en facer o que nos gusta, intentando deixar os prexuízos a un lado e sendo o máis sinceros que podemos cos nosos gustos e co noso traballo”, engade.
Como sempre nestes casos, os comezos foron complicados. A idea de crear a firma xurdiu cando Natalia presentou a súa primeira colección no Ego, a plataforma para novos deseñadores da Pasarela Cibeles. Cando a seleccionaron, só tiña confeccionados catro looks e nin sequera contaba cun estudio no que poder desenvolver o seu traballo. Así as cousas, decidiron improvisar un no cuberto de cristal que había na terraza da casa de Jorge, ao que empezaron a chamar cariñosamente “o Palacio de Cristal”. Aínda que se parecía a todo menos a un palacio. “Era horrible -afirma el-. En inverno pasabamos moito frío e en verán morríamos ca calor”. Pequenos inconvenientes que xa están superados grazas á apertura do seu novo estudo, tamén na capital catalá.
O nome da marca é toda unha declaración de intencións. Ambos pertencen a unha xeración, a nacida nos anos 80, que medrou rodeada de referencias á cultura americana. As súas coleccións seguen unha liña moi definida, salpicada de elementos que remiten á estética das series, películas e estrelas musicais do outro lado do charco. De feito, “hai cores e siluetas que sempre se repiten, e ás veces dicimos de broma que sempre deseñamos a mesma colección”, explican. Son prendas dirixidas a mulleres femininas, con sentido do humor e que aman a moda, nas que salientan o coidado polo detalle, as mesturas arriscadas, a fraxilidade dos tecidos e o mimo na confección. “Unha vez definíronnos como ‘o chic máis divertido’. Quedámonos con iso”, subliña Jorge. A inspiración atópana en todas partes: “no cotián, nos nosos amigos, na arte, no cine, nos libros, na historia da moda e ata nos nosos gatos”.
Bolado explica que o panorama en Galicia é bo para aqueles deseñadores que se queren dedicar á pronto moda, pero, ao seu xuízo, para empresas como American Pérez “aínda queda moito por facer”. Por iso, emigrar a Barcelona parecía para el un paso natural, aínda que admite que quizais España non sexa o lugar idóneo. “Considero necesario viaxar e vivir en diferentes países para dedicarse a calquera profesión creativa”, apunta. A crise tamén lles afecta, se ben realizan outros traballos no sector. Ambos os dous teñen claro cal é a súa paixón e subliñan que precisamente iso, telo claro, xunto co traballo duro, é imprescindible para abrirse camiño no mundo da moda. Aos máis mozos aconséllanlles que se preparen moito, viaxen todo o que poidan e, sobre todo, que non perdan a ilusión. “E que cando lles digan aos seus familiares que queren adicarse a isto e reciban como resposta un ‘iso non ten saída’, non os escoiten. Porque a moda é un mundo moi duro, pero non é imposible vivir dela”.
Fotos | Ramiro E (vía American Pérez)
1 comentario