Hai xa moito, moito, moito tempo, a cabeza dunha muller de 37 anos caeu na parisina praza da Bastilla: acababan de guillotinala e de poñer así un simbólico punto e final a unha monarquía decadente. A muller era María Antonieta e no momento practicamente mesmo no que a cabeza caeu dende a guillotina comezou a lenda. Como unha persoa que foi tan odiada na súa época pode despertar tanta fascinación, incluso máis de 300 anos despois da súa morte?
María Antonieta era unha rapaciña austríaca, un pouco parva (tiña 15 anos, tampouco se lle podía pedir moito máis), que casou cun rapaz un pouco lelo e ambos acabaron por ser delfíns de Francia, os herdeiros ao trono, alá polo século XVIII. Levaban peiteados rococó e traxes moi aparatosos. Á rapaciña medrou e viviu en Francia como raíña. Na corte tratábana bastante mal, ata que ela aprendeu a pasalo ben e xa lle importou ben pouco o que dixesen ás súas costas. Comeu macarons, mercou zapatos a cachón, tivo un par de fillos e viviu de xeito decadente ata que estoupou a revolución e lle arrancou a cabeza. Todo isto o sabemos en parte polos libros de historia da ESO, por suposto, pero sobre todo polas múltiples interpretacións que de María Antonieta se teñen feito ao longo dos últimos anos.
A raíña sen cabeza volve a estar de moda, o que non deixa de ser paradóxico tendo en conta os tempos nos que vivimos (e que María Antonieta foi a persoa que lle recomendou aos pobres que a falta de pan comesen brioches…) e nos que podería parecer que volverían as iconas revolucionarias (e non vítimas das revolucións…). A fascinación por María Antonieta – que vai e vén como o Guadiana – tivo un momento interesante cando no 2006 Sofia Coppola estreou ‘María Antonieta’, unha estética aproximación á vida da raíña. A película era bonita de ver, chea de roupas e elementos espectaculares (os pasteis son unha pasada) e mostraba os verdadeiros escenarios da vida de María Antonieta (algo que se algunha vez estivestes en Versalles non deixaredes de apreciar). Como todo o que produce Sofia Coppola ou o amas ou o odias, pero o achegamento chic e refinado a María Antonieta non foi máis que un preámbulo do que nos vén agora encima.
María Antonieta volve a estar en cines, desta volta cun filme francés menos preciosista: ‘Les adieux à la reine’, que se centra nos derradeiros tres días do reinado da raíña e na súa – polémica – relación coa duquesa de Polignac. A película foi unha das que estivo no pasado festival de cine de Berlín, aínda que non con moita gloria.
Sen embargo, o gran revival da raíña non chega co cine: faino coa moda. María Antonieta é a ubicua protagonista – ás veces na sombra – dos últimos lanzamentos das firmas de moda. “Quero darlle algunha luz a Francia”, explicaba Karl Lagerfeld a The New York Times sobre as razóns polas que fixera unha colección de cruceiro inspirada directamente na raíña guillotinada e na súa corte. Lagerfeld presentou no palacio de Versalles, nunha grandilocuente posta en escena nos famosos xardíns do complexo cortesán, os deseños que fixo para Chanel, que traen a María Antonieta de volta ás editoriais de Vogue.
As modelos desfilaron ao carón dunha das fontes, cuns vestidos, un maquillaxe e un peinado inspirado na corte versallesca. Como Marías Antonietas revisitadas e actualizadas ao século XXI. Cuns zapatos, iso si, que nalgúns dos looks terían feito chorar á auténtica María Antonieta.
Pero Lagerfeld non é o único que se inspirou na raíña. Os deseñadores deben estar fartos de todos eses movementos que se espera do mundo da moda en tempos de crise como as saias son máis longas, segundo a teoría económica que une ciclos e vestiario, ou os tacóns máis altos, porque son a única extravagancia que se poden permitir as consumidoras.
Miu Miu tamén recorda a María Antonieta na estética do seu vídeo promocional da temporada, protagonizado pola actriz Mia Wasikowska, e na campaña da nova colección. Peinados moi cardados, ao estilo da raíña; camafeos de estilo barroco e un look and feel claramente versallesco.
A estas marcas do mundo da moda tamén se sumou Christian Dior (nun dos primeiros lanzamentos que chaman a atención dende que deron o nome do seu novo director artístico, Raff Simons), que presentou un vídeo, Secret Garden, coa súa colección 2012 como base e Versalles como nexo de unión para todo.
María Antonieta volve, por tanto, como unha especie de ave fenix de decadencia (e opulencia) para lembrarnos a todos que unha vez houbo (para algúns unicamente) un mundo máis dourado e glorioso que o gris da crise económica. A raíña acabou coa cabeza entre as pernas (así foi como a soterraron na súa primeira sepultura) pero esa lección non toca agora lembrala. O revival só recupera á María Antonieta ‘it-girl‘.
E, por certo, como caída do ceo, Acantilado acaba de reeditar en castelán a biografía que de María Antonieta escribiu Stefan Zweig. Para os que busquen o lado menos preciosista da nova tendencia.
Fotos | María Antonieta, de Sofía Coppola | Chanel News | Dior
1 comentario