Chámase Alexandra e é de Vigo, aínda que na rede é máis coñecida polo seu nome de batalla, o do seu blog Lovely Pepa. Nel cada día mostra un dos seus outfits, que vén a ser, en linguaxe profana, a roupa coa que se viste cada mañá.
Alexandra é ademais un dos expoñentes da última tendencia made in internet que está revolucionando o mundo da moda. As bloguers empezaron compartindo na rede os seus gustos, as fotos dos seus looks e os seus secretos de estilo e acabaron por ter tanta importancia como os tradicionais gurús do mundo da moda. A famosa Tavi ou The Sartorialist son claros exemplos. Novas marcas foron encumbradas polas bloguers e as empresas do ramo pensan xa directamente en elas cos seus novos produtos. Women’s Secret lanzou incluso unha colección deseñada por bloguers.
Que mellor para entender esta revolta e achegarse de paso á moda nas rúas – o famoso street style – que falar directamente coas súas protagonistas. Empezamos con Lovely Pepa.
-Por que empezaches o teu blog? Polo que vexo na rede estas a estudar Dereito e a moda é un mundo que semella moi alonxado! Esperabas acabar tendo tanto éxito?
Seguía o mundo dos blogs dende a barreira e decidinme a abrir o meu propio espazo persoal no que se mesturaban as tres cousas que máis me gustan, creatividade, moda e fotografía. Non ten nada que ver co que estudo, pero non é un problema! Non agardaba ter tanto éxito e estou moi contenta, porque me alegra ver que o traballo ten a súa recompensa.
-Cres que é incluso posible o dar o salto dende un blog de fan da moda ao traballo profesional no sector?
Si, por suposto, moitas xa o fixeron e eu cada vez estou máis dentro deste mundo. Síntome moi afortunada de poder adicarme ao que máis me gusta.
-Canto tempo lle adicas a Lovely Pepa? Segues unha rutina ‘estrita’ de publicación?
Agora mesmo, moito. É o meu traballo. Adícolle tempo porque actualizo a diario. Sacar fotos lévanos o seu tempo, porque temos que escoller o lugar ideal e, bueno, despois todo o proceso de creación do post leva tempo, contestar a comentarios, mails, dúbidas… Leva o mesmo tempo que un traballo normal.
-Non es a única bloguera do mundo da moda que é galega: que outras blogueras galegas deberían estar na nosa lista de lecturas obrigatorias?
Claro que non, hai moitas bloguers galegas e moi boas. Para min, os tres blogs galegos de lectura obrigada son Cocomode, Bartabac e O’style.
-A blogosfera acabou coa ‘tiranía’ das grandes directoras das revistas de moda e agora son moitas as persoas que utilizan os blogs como biblias de estilo. Como bloguera, que é para ti o estilo?
É difícil definir o estilo. É algo que se leva dentro e que se nota en pequenos detalles. Saber cando menos é máis… Pequenas cousas!
-Se algo chama a atención nos blogs de moda e que as blogueiras non empregan de forma obrigatoria grandes marcas: pódese entón ser estilosa vestindo de Zara?
Absolutamente si. Non é preciso vestir con grandes firmas para ser estilosa e ter un aspecto á moda e actual. Hoxe temos unha ampla oferta de tendas ao alcance de todos coas que podemos estar á última sen deixarnos un diñeiral! Aínda que tamén se poden combinar firmas low cost con prendas máis caras para conseguir bos outfits.
-Cales crees que son as tendencias clave para este verán, as que non deberiamos deixar escapar?
Sen dúbida, ter algunhas prendas en cores flúor. Tamén as faldas midi ou o estampado de serpe.
Fotos |Lovely Pepa
1 comentario