Non o perdas! O mellor de abril 2013

Viaxar, viaxar, viaxar. Agora que empezamos a saír das nosas cavernas, aínda un pouco desconfiados (estas últimas semanas aprendemos a non fiarnos do tempo) e chiscando os ollos para que o sol non nos moleste, non podemos evitar empezar a pensar en plans e cousas que queremos facer. Queremos saír á rúa, coñecer lugares novos, escoitar música sentindo o sol na cara ou ler nun parque. Entendemos que en abril non visitarades Disquecool, todos estabamos demasiado confundidos, enfadados e case deprimidos e só visitábamos Internet para ver series e perdernos nalgún Tumblr de gatos. Agora xa estamos fóra, xa respiramos, xa queremos recuperar o tempo perdido. Coma sempre, Disquecool está ao voso servizo, axudándovos a ser cool: isto é o que vos perdestes o mes pasado, o máis lido de abril.

1. Guía dos sitios molóns de Madrid. Igual non podemos viaxar moi lonxe, pero a capital do reino (perdón) é sempre unha opción. E ten tantos sitios molóns e cuquis nos que ser moi, moi felices! Fixemos unha guía para que ninguén se perda.

2. Javier Becerra: “Escoito música escribindo sobre ela na miña cabeza”. O blog de referencia musical Retroalimentación cumpriu dez anos (dez! e nós tan orgullosos cos nosos dous aniños…) e Dr Chou aproveitou para falar con Javier Becerra nunha extensa e fabulosa entrevista.

3. 5 autores postmodernos que hai que ler se un quere quedar ben. Un post sobre literatura entre os máis lidos! Como molades, queridos lectores. Aínda que en realidade sexa un texto sobre cousas que hai que ler para quedar ben agora que somos xente cínica e postmoderna. Os autores que temos que soltar nas conversas. O que temos que coñecer e ter lido. Ou dicir que o fixemos, que en certos círculos pseudo-intelectuais vén sendo o mesmo.

4. 5 xogos para perder o tempo no traballo. Moito ler, moito ser cool e postmoderno, pero aquí quedou claro tamén que tipo de xente sodes: os que son quen de pasar horas e horas con algún xogo parvo (canto máis parvo mellor) en Internet. A ser posible en horas de traballo. Porque ler a Houllebecq na oficina igual é demasiado.

5. Como bañarse en gin-tonic. Seguimos comprobando que o gin-tonic continúa a estar de moda e que segue a provocar unha atracción irresistible entre a comunidade hipster. É poñer o nome da copa nun titular e que este teña moitas visitas. Si, seguiremos a falar de gin-tonic ata que a súa maxia desapareza.

PLUS. Toldscapes: fotografando o que xa non está. Un fantástico e orixinal proxecto fotográfico de Joan Morera no que se mostran imaxes de lugares nos que houbo horror na guerra civil tal e como están agora, cun texto testemuña do que pasou alí acompañando.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *