Pode que xuño fora o peor mes de xuño nos últimos 20, 30 ou 100 anos. Temos ata unha disquerredactora que chegou ata o día de San Xoán con medias tupidas! (e pensa que con iso tivo que conseguir algún tipo de record dos do libro Guiness, aínda que non llo recoñezan). Comezabamos a pensar que os franceses ían ter razón e que o verán non ía chegar nunca, nunca, pero non vos preocupedes que chegou tarde, pero chegou. (Mirade se non as temperaturas que se agardan en Santiago e convencédevos). Pero antes de comezar a queixarnos de que tanta calor non pode ser boa, imos repasar o mellor que nos deixou xuño (e que si, xa sabemos que non foron as temperaturas)
1. Romaría Pop en fotos: modernos e churrasco. Quen di que os modernos só poden comer tofu, sándwichs de cousas exóticas (e non, a rúcula xa non o é) e sushi? Cada ano a Romaría Pop demostra que non hai nada máis moderno e máis marabilloso que un bo churrasco.
2. Tiger chega á Coruña. O que nos gustan as trapalladas! A cadea danesa de decoración, cousas da casa e trapalladas varias (un cruce entre Ikea e Muji, din algúns) acaba de abrir na Coruña. Estivemos na inauguración da tenda, a primeira en Galicia.
3. Sempre nos quedará Portugal: 8 destinos turísticos no país veciño. Alguén dubida aínda o moito que amamos Portugal? Porto, Lisboa ou Sintra son algúns dos destinos que propoñemos. Lede os comentarios na noticia e no Facebook para descubrir as recomendacións portuguesas dos nosos lectores.
4. 3 ideas para viaxar no verán con cartos ou sen eles. Chega o verán e chega o tempo de viaxar. Que ninguén se preocupe se non ten cartos, que hai solucións low cost para conseguilo.
5. Os festivais galegos que veñen: xullo 2013. E o verán non é só tempo para viaxar, tamén para ir de festivais. Por que ir lonxe cando se teñen tantos festivais aquí mesmo? Velaí van unhas propostas.
E o bonus track: Galicia xa ten o .gal! A mellor noticia tech do mes.