Os festivais (galegos) que veñen: xullo 2013

Festival Sinsal 2011, na illa de San Simón

Si, liches ben. Este mes a nosa recomendación de festivais deixa de lado a súa vocación viaxeira e cosmopolita e céntrase no que hai aquí. Porque, maldita sexa, agora que por fin chegou o verán, quen quere a calor abafante de Benicàssim? E quen quere facer un clásico “pois eu marcho a Inglaterra” e arriscarse a volver a vivir o que levamos vivindo todo o inverno? Sen falar dos cartos que deixamos polo camiño: festivais caros aos que hai que engadir o que gastaremos na viaxe. Total para que case todos os festivais do estranxeiro para o verán teñan xa as entradas esgotadas. En xullo quedamos aquí por todas estas razóns e porque era demasiado difícil facer a escolla de só un festival.

Houbo criba, non vos pensedes. Os fans da música alternativa de verdade (a música alternativa ao indie, refírome) notaredes rapidamente as ausencias. Non hai festivais de rock, ou hardcore, ou música folk. Non nolo botedes en cara, xa sabedes que somos uns modernos. Imos a festivais indies a falar mal dos grupos que xa teñen éxito e a adorar aos que ninguén coñece. Aquí van 7 festivais galegos para este mes de xullo. Ten xullo tantas fins de semana? Non. É por iso que un dos festivais é de xuño e que aínda así será imposible ir a todos sen ter o don da ubicuidade. Sentímolo.

Pop Voyage. Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 28 de xuño. Si, este é xa, este venres! É posible que aínda consigas facerte con algunha entrada. E si, queres facelo, non só polo cartel (Niño y Pistola, Músculo!, Disco Episcopal, Cazador, She’s In Parties DJ), senón por ese momento no que o teu amigo máis hipster di non sei que de festivais en illas e ti contestas: “Pst, iso é tan mainstream. Eu só vou a festivais en barcos. Pola ría de Arousa”. 16 euros (non sabemos a canto estará a revenda).

Festival Pop Up. Praia de Razo (A Coruña), 4-6 de xullo. Festival que se estrea este ano cun cartel con imprescindibles dunha cita indie (Lori Meyers, Dorian) e outros menos evidentes pero igual de necesarios: Grises, Igloo, Pull the strings, Estereotypo, The Warriors, Kill the Hipsters (uns djs que nos inquietan),… Non te convence? Os dous primeiros días son gratis. O terceiro, o sábado 6 de xullo (o dos pesos pesados, si), son 15 euros.

Festival Microscópico. Sala Filomatic (A Coruña), 12 e 13 de xullo. Outro festivaliño que nace este ano: tres grupos cada día e festa despois dos concertos, perfecto para os que estades fartos dos macrofestivais nos que corres moito e ao final non ves nada. O venres 12 tocan Linda Guilala, Nouvelle Cuisine e Apenino; o sábado 13, Fagot y Popota, Band À Part, Los Lagos de Hinault. Todo polo módico prezo de 7 euros. Non deberías nin pensalo.

Nordestazo Rock. Malpica de Bergantiños (A Coruña), 13 de xullo. Moito grupo pequeno descoñecido que dis que é o único que escoitas, pero o que en realidade queres é ver a Loquillo. Non te culpamos, é o que queremos todos. Por se queres dar outra razón cando cho pregunten, tocan tamén Corizonas, Hamlet, Costas e Sandford Music Factory (mirade! diversidade musical en Disquecool!). E Loquillo. 15 euros anticipada, 20 en taquilla.

PortAmérica. Porto do Molle (Nigrán, Pontevedra), 18-20 de xullo. O “encontro de música e ideas” que apareceu de súpeto en Nigrán o ano pasado repite cun cartel perfecto para iso de criticar aos indies de éxito e quedar coas novas promesas, porque en realidade está o plantel do indie nacional case ao completo: Delafé y Las Flores Azules, Los Coronas, Arizona Baby, La Habitación Roja, Lori Meyers, Niños Mutantes, Standstill, Delorean, Vetusta Morla… só faltan Love of Lesbian! O máis interesante é sen dúbida a oportunidade de ver a varias bandas hispanoamericanas, onde se están a facer cousas máis que interesantes: Él Mató a Un Policía Motorizado, Bomba Estéreo, Banda de Turistas, Café Tacvba e Francisca Valenzuela. E vellos amigos como Niño y Pistola ou os grandes nomes internacionais: Editors, The Gift,… Abono para os tres días de 50 euros. E mañás na praia.

Sereas e Piratas. Praia de Razo (A Coruña), 27 de xullo. Os modernos de Carballo deben de estar ben contentos, cunha praia con tanto festival. O Sereas e Piratas é xa un clásico, que chega á súa séptima edición cun cartel ben bonitiño: Chucho, Músculo!, Wild Balbina e Holycrab (“amantes das barbacoas e as series dos 90”, como non ser fan?). Pero o festival non é só de música: tamén haberá surf, skate, volei-praia e capoeira. Galifornia dreamin’! E son só 5 euriños.

Sinsal San Simón. Illa de San Simón (Pontevedra), 27 ou 28 de xullo. Está o teu amigo a dicir que os festivais nos barcos molan máis que os festivais en illas? Non deixes que saia vencedor. Dille que si, que se falases de calquera festival tería razón, pero que o Sinsal San Simón é distinto. Porque no Sinsal San Simón, por segundo ano consecutivo, o cartel é secreto. As pistas xa comezaron, este ano cun consello de sabios moi especial. Un mes para xogar ás adiviñas! Colle a entrada xa: para o sábado están esgotadas, pero para o domingo aínda hai algunha (é o mesmo cartel os dous días). 35 euros (45 desde Vigo).

Foto | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *