O disco da semana: León Benavente, de León Benavente

1_PORTADA6f4012907495b67a4aO concepto de “superbanda indie” está xa máis utilizado e repetido que un capítulo dos Simpsons, e por iso cando un escoita na radio ou le en calquera web semellante etiqueta, o máis habitual adoita ser, no mellor dos casos, pasar de longo. Por diversos motivos, entre os que destacan que falamos de grupo que apenas adoitan durar uns meses, un disco, unha xira e adeus moi boas (Corizonas, Fantasma 3); ou ben porque o resultado de estrañas parellas poida ser ben decepcionante (Bunbury & Vegas). Pois ben, hoxe falámosvos da última “superbanda indie”, aceptando que, tamén, seguramente vivirán única e exclusivamente para este disco, e os proxectos que por separado teñen Abraham Boba, Luis Rodríguez, Edu Baos (Tachenko), César Verdú (Schwarz): León Benavente, nome que nace dunha anécdota explicada por Nacho Vegas, alma mater na sombra, por aquí.

E xa sei o que pensades. Boba, Tachenko, Schwarz… disco pausado, se cadra algo coñazo. Pois mirade, bonitos, non. ‘León Benavente’ (Marxophone, 2013), é un disco duns rockeiros preto dos corenta, e que montan unha banda, basicamente, para facer ese ruído nos directos que os seus proxectos habituais non lles permiten. Unha colección de cancións ambiciosas e con pretensión de transcender, mesmo aínda que asumamos que esa hipotética transcendencia tería data de caducidade. Como para autoconvencerse de que pode ir en serio, Ánimo, valiente marca o camiño a seguir, un corte máis pop que o que a posteriori nos atopamos como fío condutor. Un canto xeracional á propia quinta, diseminada entre os que escolleron o camiño correcto, o trabucado, e os que ficaron inmóbiles.

Las hienas rompe ese ambiente amable. Un deses cortes onde semella que as percusións de Verdú marcan o camiño a seguir polos demais, e como sumando resulta o que coloquialmente coñecemos como temazo. Continúa a boa cara, a inspiración, cunha Estado provisional que se che queda durante un bo rato gravada nos miolos. Xusto o contrario de Las ruinas, que ben podedes obviar. Hai mesmo espazo para unha tirada de trastes ao krautrock da man de La palabra, explosiva na melodía, e algo máis frouxa nas letras, pero fantástica en conxunto. Unha pílula de tres minutiños reparadora, hipervitaminada. Máis pausada pero identicamente intensa soa La gran desilusión.

E para confirmar o ben que lles sentou á alianza a estes rexuvenecidos veteranos, El Rey Ricardo, con ritmo trepidante, e cordas e percusións ligadas perfectamente, cos coros que lembran, como diremos noutra canción vindeira, a algún temas de Lucas 15. Ese tema é Ser Brigada, un corte narrado ao máis puro estilo El Sacaúntos de Allariz, daquela gloriosa homenaxe ao folk asturiano dos Lucas 15, pero de ritmo moito máis explosivo. Pon cadeado ao primeiro traballo de León Benavente, que perfectamente podería ser o derradeiro. Mentres eles quitan as follas da margarida do futuro, nós limitarémonos a gozar do disco en cuestión, que supoño que ao final, é do único que se trata todo isto.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *