Javier Becerra: “Escoito música escribindo sobre ela na miña cabeza”

Javier Becerra

‘Retroalimentación’ cumpre cinco anos. Estende unha man, cos dedos ben desenvoltos xa, todos abertos. Un lustro no que Javier Becerra se confirma como algo que xa era dende antes de que o propio Retroalimentación existise, un crítico de referencia a nivel, cando menos, galego. Para celebralo, un autoagasallo, do que poderemos desfrutar tódolos demais. Cooper estará na festa de aniversario, que se celebra o 13 de Abril na Sala Le Club de A Coruña (para o que sorteamos 2 entradas!). Mentres ese día chega, como se unha estrela das portadas do Hola se tratara, Javier ten a ben recibirnos na súa casa, ensinarnos o seu salón, e mesmo algún rincón de retiro espiritual dalguén que, sobre todo, é un melómano, mesmo un mitómano, antes que crítico.

– Con que espíritu naceu Retroalimentación? Necesidade persoal ou imposición empresarial?

Máis ben o primeiro que o segundo. Alá por 2008 na versión dixital de La Voz puxeron en marcha unha serie de bitácoras sobre diferentes temas. Por un lado, non había ningunha dedicada explicitamente á música. Por outro, había cousas que me gustaba publicar e que, polo formato, a extensión ou a temática, non tiñan cabida no xornal. Pedín que me habilitasen unha e, a partir de aí, foise modelando a personalidade do blog, entrada a entrada, ata agora.

– Se te remontas cinco anos, á túa primeira entrada no blog, como ves o tempo pasado?

Ben, aquela primeira entrada foi unha cita de Jesús Llorente, un dos críticos musicais que máis admiraba nos noventa. Trátase das liñas finais dunha biografía que escribiu sobre Suede. Encántanme tanto o libro como a cita. Resume bastante fielmente o que eu sinto polo pop nun plano emocional. Precisamente, subliñar ese lado emocional era a miña intención pero, ao tempo, tentando evitar a síndrome “Meu querido diario” e tamén o de “Mira como molo”. Eu pretendía transmitir emoción sen contarlle por norma a miña vida ao persoal. Tamén non facer gala gratuíta do ben que, supostamente, me movo neste mundo. Non me gusta moito esa crítica que se puxo de moda agora na que parece que hai que analizar a música coma se fose un insecto e, a poder ser, inventar unha teoría e convertela nun dogma. Tampouco a do crítico que se adica a falarme da súa vida, dos moitos discos que ten, de que se coñecía ao grupo do que fala antes que ninguén, dos tropecentos festivais aos que foi, en definitiva, do que mola el e non a música da que me fala. A min gústame o tipo que é capaz de capturar un clic de emoción, condensalo nunha frase, transmitilo e, ao tempo, darme información. E iso é o que intentei facer maioritariamente durante estes cinco anos, supoño que fallando na maioría das ocasións.

– Enténdote ben. Sobre iso, moitas veces se acusa aos críticos de non ser obxectivos nos seus textos… como demos se pode ser obxectivo coa música? con algo que che toca as tripas, con algo que che fai sentir? Como o podes analizar dende un laboratorio, dende unha fórmula química?

Iso é imposible, pero o que si é que se pode marcar certa distancia e que as cousas non xiren só sobre o teu gusto particular, que é o que percibo en moitas ocasións. De todos os xeitos, ao que me refería antes non era a iso, senón á importancia da emoción na música, que é todo o contrario a vela coma se se tratase dun tubo de ensaio. Están ben ás veces esas teorías, pero a min persoalmente cada vez bótanme para atrás os críticos tipo Simon Reynolds que o que escriben pouco teñen que ver con pechar os ollos, sentir a emoción no peito e experimentar o pracer de deixarte levar por unha canción e que quizás esa acabe formando parte da túa vida. Logo, ademais, esas teorías moitas veces fan que non poidas gozar. Establécense dogmas inamovibles. O grupo ten que innovar, ser de esquerdas, cantar na súa lingua materna, ter hoxe un acento afro-pop e onte un free-jazz, cambiar de discurso disco a disco, non soar retro… Ao final iso impídeche gozar dun montón de grupos.

O meu exemplo sempre é o mesmo: Los Flechazos. Unha boa parte da crítica indie nunca se achegou a eles nos noventa coa mesma mirada limpa que a Los Planetas. Lembro que incluso foi moi criticada a súa inclusión no primeiro FIB, o de 1995. Por que? Pois porque eran un grupo bandeira dentro dunha escena, a mod, considerada revivalista nun momento no que iso era pouco menos que pecado. Pois mentres facían caso a grupos indie de guachi-guachi moi inferiores, se perderon un dos mellores e máis emocionantes repertorios creados en España xamais. O curioso é que logo aplaudían a grupos como Suede ou Teenage Fanclub, que en termos de innovación debían andar á par. É dicir, todo un despropósito.

376782_10151073823128541_871782062_n

– Ti xa comezaras nun clásico imprescindible para os que nos iniciamos nesto ben novos, o fanzine ‘feedback-zine’. De que ano falamos? Que trocos no xornalismo musical amateur ves dende entón?

O ‘feedback-zine’ tivo dúas etapas. Unha primeira de fotocopias e recorta e pega só editada en papel que durou de 1993 a 1997 e, logo, outra en Internet que arrancou no 2001 e durou de xeito activo ata o 2007. Dende entón trocaron moitas cousas. A que máis me sorprende é a da rapidez. Hoxe en día, antes dun disco saia oficialmente á venda xa hai xente que ten a crítica feita. Todo fai que sexa máis lixeiro, con menos peso e máis efémero. Creo que ao acceso tan bestial a todo que hai hoxe en día fai que se saiba sobre moitas cousas, pero que ese coñecemento sexa pouco profundo. Aquilo de ter 15 anos e paparte un disco 30 veces porque ata comprar o seguinte ía pasar dous meses, rematou. Pero tampouco creo que sexa só un mal da prensa afeccionada. Na profesional tamén se dá e, moitas veces, de xeito ruborizante.

– Van cinco anos, ducias de entrevistas e entradas no blog, se ademais sumamos o de Fugas. Lembras algún grupo que che fixera especial ilusión entrevistar ou tema que che supuxera maior satisfacción persoal?

becerraDe entrevistas, na que máis me emocionei foi sen dúbida con Arcade Fire. Despois de insistir case diariamente aos organizadores do seu concerto en Santiago no 2010, concedéronme unha charla unha hora antes de que o grupo saíse a escena no Monte do Gozo. Foi tremendo. Para min significaba poder entrevistar ao que, na miña opinión, é o mellor grupo de rock do momento. Acabamos falando de relixión e da súa implicación na parroquia! Leveilles o meu exemplar de ‘Funeral’ para que mo asinasen e fíxenme unha foto con eles, algo que que non recordo ter feito nunca con ningún grupo. Foi un todo hit, a nivel profesional e de fan. Fomos o único medio galego en conseguila. De feito, non lle contei a ninguén que a fixera ata que se publicou. Tiña medo que alguén da competencia se decatase que nola concederan e que reclamasen outra para eles. Logo, vin todo o concerto cos meus amigos (neste momento o entrevistador aclara que el era un dos que rodeaba ao entrevistado naquel concerto) co segredo ardéndome no peito. Esa sensación é impagable.

Á marxe de entrevistas, recordo o meu debut no Fugas no 2007. Foi un artigo sobre a escena indie galega, unha dobre páxina seleccionando os que, para min, eran os 10 mellores discos de entón. De Triángulo de Amor Bizarro a Nadadora, pasando por Apeiron e Dar Ful Ful. O titular era “Hai vida máis alá de Deluxe e Iván Ferreiro” e quería reivindicar a eses outros grupos que nunca saían nos medios oficiais entón, malia estar facendo música impresionante. A reportaxe espertou polémica e máis dun receo. Aí comprobei que non era o mesmo escribir nun fanzine que en La Voz de Galicia, que o que dixera no xornal ía molestar mil veces máis que se o facía nun fanzine. O problema non era dicilo, senón cantas persoas ían ler o que dis. Todo se magnifica.

– Os concertos do Blog comezaron como especiais de “festas de aniversario”. Porén, parece que o proxecto de programador musical se fai sólido, e agora son programas de concertos en toda regla. Cres que é sostible programar concertos cada pouco tempo?

Si, todo xurdiu sobre a marcha. As festas de aniversario non eran máis que escusas para traer á sala Le Club de A Coruña a grupos que me gustaban e que a eles lles parecían rendibles. Viñeron Telephones Rouges e Franc3s no 2010, Srasrsra e Mano de Obra no 2011 e Lendrone e Fantasmage no 2012. Nese último recordo unha conversación final sobre o momento glorioso que vive a música actualmente en Galicia. Púxenme a enumerar bandas realmente potentes e saíanme máis de dez. Funme para a casa pensando poñer en marcha Los concertos de Retroalimentación. En principio, ía ser un ciclo de carácter trimestral, pero os responsables de Le Club animáronme a facelo mensual. En xeral, saíron todos bastante ben, algúns como o de Nadadora mesmo con sold out. Ademais do tema de poñer de manifesto a calidade de Unicornibot, Franc3s, Ulrica, Telephones Rouges ou Lendrone, está a reivindicación do club. Para min ese é o lugar natural da música: unha sala escura, de pé, cunha cervexa na man e sentindo a electricidade a un palmo de distancia. Creo que o rock coqueteou demasiado nos últimos anos cos auditorios de acústica perfecta, as paraxes idílicas e cousas que, en moitas ocasións, máis que axudar, prexudican.

Respecto ao económico, susténtanse. Eu non percibo un euro de todo isto. A miña achega aquí é totalmente altruísta. Dito isto, sinalar que a clave é ser racionais. Que o grupo cobre o que sexa capaz de xerar vendendo entradas e que a sala teña dentro a xente suficiente como para que lle sexa rendible. Por agora o é. Ogallá se puidese crear entre o público certa percepción de calidade no ciclo, e que a persoa que vén a ver a Unicornibot tamén fora a ver a Ulrica ou Franc3s. Iso permitiríanos ir a por cousas aínda mais arriscadas pero, desgraciadamente, non se logrou. Seguimos moi metidos en parcelas e familias que sería bo derrubar. A ver se o conseguimos o vindeiro ano se o ciclo ten continuidade

7186_10151420224318541_1454244231_n– O vindeiro deses concertos, os que te coñecemos dende os tempos do fanzine, é un deses dos que che fará especial ilusión. Cooper (Sala Le Club A Coruña, 13 de abril, 22 horas 10 euros anticipada e 12 en taquilla) será o convidado especial no quinto aniversario. Capricho de fan?

Poderíase dicir que si. Álex Díez é un dos meus heroes musicais. Cronoloxicamente, os grupos españois da miña vida foron Mecano, Barón Rojo, Los Flechazos, Los Planetas e Manta Ray. É dicir, el está no meu top-5. Pero é que, dentro de todo iso, Los Flechazos, o grupo no que estivo Álex nos oitenta e noventa, teñen unha importancia especial. Coinciden co meu descenso ao undeground, o primeiro contacto no mundo dos fanzines e o descubrimento desa outra cara da música. A primeira entrevista que fixen na miña vida fíxenllela a eles e seguinos ata que se separaron. Logo, cando Alejando formou Cooper prolonguei a mesma adhesión, escribindo sobre el en cada lanzamento. Sempre pensei que é un compositor totalmente menosprezado e que escribiu algunhas das mellores cancións pop en español da historia. O pasado verán chamoume para propoñerme escribir un texto no dvd ‘A propósito de mi universo’, un documental sobre a gravación do seu disco ‘Mi universo’. Fíxome moita ilusión que se acordase daquel fan que lle mandaba cartas ao apartado de correos de Los Flechazos e pensase en min para unha cousa así, tan persoal. Aceptei encantado, claro. Logo pensei que tiña que darme algo a cambio e fun eu o que lle propuxen tocar na Coruña. O seu si foi case tan rápido como o meu. Aínda agora pénsoo e emociónome. É coma se pechase un círculo ou algo así. Vai a ser unha noite inesquecible.

– E dos que nunca puideches entrevistar, ou traer en concerto? Imaxina iso do xenio da lámpada. Tres desexos: irte de cañas, traer en concerto e entaboar unha amizade mentres agardas pola filla á porta do colexio. A quen escollerías?

Buff, irme de cañas con Kim Deal. Esa muller sempre me transmitiu boas vibracións. Debe ser unha boa compañeira de festa. Respecto ao concerto, meteríao en “Los concertos de Retroalimentación” e, polo tanto, debería ser unha banda galega. Valeríame calquera destas dúas reunións: ou a de Apeiron ou a de Los Eskizos. Os dous grupos son do mellor que se fixo aquí. E o de entaboar unha amizade na porta da escola da miña filla, cústame imaxinalo. Pero se PJ Harvey fose a buscar alí aos seus sobriños non habería ningunha pega pola miña banda.

O de Apeiron foi un disco incrible. Mágoa de só un, quizáis por iso o temos erguido a categoría de Lenda, algo así como ‘Un soplo al corazón’ de Family. Pero falas de Apeiron, Los Eskizos, Nadadora, Dar Ful Ful, Manta Ray, todos eles grupos falecidos. Hai pouco falabas do encanto do indie… algúns nos acusan de irnos de estupendos, polo de seguir a grupos minoritarios. Eu son dos que pensa que nos levamos tantos disgustos como alegrías. Por que seguir crendo en que hai saída para o indie?

O de Apeiron foi un dos fenómenos máis marabillosamente anormais que se deron en Galicia. Eu flipei cando os coñecín. Eran algo incrible, súper puros sen un ápice de pose. Para min o seu disco ‘Todo Sigue Intacto’ é xunto a ‘O Naval’ de Mus o mellor disco nacional da década pasada. Ata a portada é preciosa. Ten ousadía, candidez e xenio en todas e cada unha das súas cancións. No meu piso de estudantes de entón soaba todos os días. Teño o orgullo de ter tido que ver cun dos poucos concertos que deron en vida, na Coruña dentro dunha festa do feedback-zine. Eran impresionantes. A min gustábanme aínda máis que Emilio José en solitario, que tamén me mola bastante. É unha pena que non seguisen. E tamén que os medios nacionais apenas lles fixesen caso. Ben, niso témome que aínda estamos igual: en xeral seguen sen querer ver que Galicia, hoxe por hoxe, ilumina un proxecto alucinante cada tres ou catro meses.

Respecto ao do encanto indie e as súas trampas, díxeno no seu día respecto á separación de Nadadora. Coñézoos, son os meus amigos e vin como estiveron a punto de dar o salto e quedaron aí facendo equilibrios para conciliar as súas vidas e o grupo ata que houbo que dicir adeus. Basicamente penso que un grupo ten que poder vivir da súa música e concibila como un traballo, se non chega un momento no que todo se cae como neste caso. Hai xente que iso o ve como algo negativo, que un día era fan de Lori Meyers ou Russian Red e deixou de selo porque se fixeron masivos e, polo camiño, perderon o encanto. Paréceme algo absurdo e un pouco infantil. Dito isto, considero que o mellor que se fai en España xeralmente procede do underground. Desgraciadamente non hai un mainstream de calidade con singles despampanantes como o que pode haber en EE.UU ou Inglaterra. Así que o de rebuscar no indie é máis unha necesidade que unha opción estupenda. Outra cousa é que, iso, cando o grupo creza empecen os receos. Espero que cando Jane Joyd, Franc3s ou Srsrasra sexan máis grandes non ocorra o mesmo

– Veste con gañas de continuar? Estar tan exposto nun mundo tan desapacible como o indie, nun medio tan consultado como La Voz de Galicia non queima?

Claro que quero continuar. Algunha vez montouse polémica con algunha cousa que escribín, pero iso forma parte da dinámica. Eu estou encantado facendo o blog e montando concertos en paralelo ao meu traballo como xornalista, que inclúe cousas musicais pero, na maioría do tempo, se dirixe a outros aspectos. Isto é pura paixón. Encántame escribir sobre música. Aínda que non me dedicase profesionalmente a iso, faríao igual. De feito, escoito música escribindo sobre ela na miña cabeza. É algo case automático. E non só o indie. O bo de escribir nun medio xeralista é que te obriga a xirar a antena noutra dirección. Un día estás con Arcade Fire, pero outro con Paloma San Basilio ou Pimpinela. Apréndese moito.

*** Se non coñecedes o blog, non tedes perdón. Pero como somos tan boíños, podedes premer aquí e consultalo.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *