O disco da semana: Impronta, de Lori Meyers

lori-meyers-improntaContareivos unha historia que vos soará.

1: Un novo grupo saca un par de discos fantásticos. O grupo debe ser, preferentemente, de Granada, que para iso por aló teñen pedigree.

2: O grupo en cuestión acada certa fama entre a parroquia indie, comeza a ver o seu nome algo máis arriba nos carteis dos festivais, e mesmo son comparados con outras bandas de prestixio, e en tódalas críticas os presentan como “os novos … (énchase ao gusto, aínda que nun 80% das ocasións se pos Los Planetas tes moitas opcións de acertar).

3: Un terceiro disco algo máis eslamiado, pero que mantén o tipo, e sigue servindo para gañarse a vida. Iso si, comezamos a facernos vellos, e queremos vivir ben da música.

4: Decidimos meter uns cantos sintetizadores con ritmos facilóns, estrofas repetidas ata a saciedade, e tódolos tópicos precisos para chegar “ao gran público”. Sacamos un disco de merda, deostado pola crítica, pero lo petamos a nivel de público.

5: O grupo desaparece do apartado musical “música decente” para sempre, unha vez coñecido o éxito.

A historia é coñecida, e o punto 5 adoita ser de non retorno. Lori Meyers non convidaban ao optimismo vendo o éxito xerado con aquel esperpento chamado ‘Cuando el destino nos alcance’. Ao fin e ao cabo, por que trocar o que funcionou?. Non foi un disco que eles non quixeran facer, e nada hai máis lexítimo que optar a vivir grazas ao traballo que fas. Moitos os botariamos de menos. Para sempre, case seguro.

Pero entón os rapaces estes deixan soar Planilandia, o adianto de ‘Impronta’ (Universal, 2013), unha canción de namoramento inmediato, rompendo co aire hortera do último disco. Volvendo ás guitarras como protagonistas do discurso. Non tan contundentes como neste tema, que desvirga o disco, de esencia puramente rock, pero si protagonistas. Non iamos poñerllo tan doado. Si, Noni e compaña acertaran co single de presentación, pero o dano feito fora moito. Pero El tiempo pasará si que é irresistible. Unha peza de pop perfecto, un puño ao fígado que nos vai facer bicar a lona. A especialidade da casa. Un encanto de canción. Nada, a tomar por saco a pose.

Así é a primeira metade de ‘Impronta’. Sinxelamente estupenda, dende a rotundidade de Huracán, o encanto adolescente e algo estúpido do tema homónimo ao disco, con esas lembranzas sesenteiras de ‘Hostal Pimodán”, ou ese himno no que se vai converter dende xa Emborracharme. Pero tan difícil era, cona, tan difícil?

Non fica nada dos Lori Meyers aos que hai un chisco puxen a parir? Pois mirade, si, algo queda. Pero a diferenza é que se metes un corte como Una señal no medio de todo o disco, molesta menos. De feito, molesta tan pouco que ata case a colles con gañas. E máis se logo das paso a outro momento tan maduro como Tengo un plan, melodicamente impecable. Pouco importa xa que Zen sexa prescindible, por non dicir moi frouxa, A sinte odio mantén o tipo o suficiente para que volvamos ter fe. Para que desdigamos a metade das palabras que lle adicamos á banda dende hai uns anos. Para confirmar que, posiblemente, esteamos ante a meirande banda de pop española da última década. Quen non tivo un borrón?

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *