Os festivais que veñen: abril 2013

motel-mozaiqueUn mes máis e seguimos sen perder a esperanza. A primavera non chegou en marzo, pero de abril xa non pasa, verdade? Deixará de chover (que si, que sabemos que a choiva forma parte da primavera, pero tanta?), subirán as temperaturas e volverán as ganas de saír da casa. Atreverémonos a saír de debaixo da manta, porque miraremos pola ventá e o ceo estará azul e o sol estará a chamarnos. Sairemos primeiro con algo de medo, pálidos dun inverno sen sol, chiscando os ollos ante tanta luz, tremerosos de que todo sexa unha falsa (e cruel) alarma. Tomaremos a primeira caña nunha terraza sen pasar frío ou mollarnos. Daremos o primeiro trementes pola praia sen saír voando. E pouco a pouco volverán a enerxía e o bo humor e o espírito primaveral. E buscaremos festivais de música aos que asistir!

Estas son as nosas recomendacións de festivais de música para saír da hibernación este mes de abril! Un en Galicia, outro no resto de España e, por último, un no estranxeiro.

– En Galicia. Galegote Rock. 11-13 de abril, na Sala Karma (Pontevedra). Como aínda non nos fiamos demasiado do tempo, o festival galego para abril non será ao aire libre. Somos aínda xente fráxil e poderíamos caer en depresións se no noso primeiro intento de vivir a primavera nun festival acabamos mollados e con frío. A proposta do Galegote Rock é moi atractiva: tres días, de un a tres concertos cada día (así empezamos o dos festivais con calma), grupos que cantan en galego. Quen? Roger de la Flor e o Marqués das Vinhas (xoves, entrada de balde), Terbutalina, Martelo e Foxy Freire (venres), Ataque Escampe e Fervellasverzas (sábado). Ademais, o 5 de abril hai festa de presentación con O Neno Elliott e Os Amigos dos Músicos. En canto aos prezos, o máximo que pagarás (abono presentación e concertos) serán 12 euros. Fantastisch!

– En España. JamonPop. 25 de abril en Huelva, 26 en Sevilla, 27 en Cortegana. O JamonPop é un festival itinerante perfecto para os que queirades fuxir uns días a Andalucía (non imos a dicir o da meteoroloxía, intentemos abandonar esta obsesión) e esteades fartos de festivais co mesmo cartel. O JamonPop 2013 trae grupos pequenos que será un pracer descubrir: Oso Corleone, Ledatres, SuperSuecas, Sick Buzos, BTheFAKE e un grupo revelación aínda sen confirmar. Se tes especial interese por algún dos grupos consulta a web, que non todos tocan nos tres lugares. Ou podes ir os tres días e visitar tres cidades! O prezo anticipado das entradas é anticrise: 10 euros!

– No estranxeiro. Motel Mozaïque Festival. 5 e 6 de abril, Rotterdam (Países Baixos). A idea deste festival é cando menos curiosa: é un festival nun motel! É non só é música, tamén hai danza, teatro e artes visuais. Ademais de no propio motel, as actividades teñen lugar en moitos outros locais de Rotterdam, moitos deles convertidos en hostels por unha noite para que a xente poida durmir no mesmo lugar no que está a pasar todo. Este ano toca xente como Daughter (xa só por iso habería que ir), Stornoway ou Young Dreams, ademais de moitos grupos holandeses e as outras moitas actividades. As entradas teñen prezos moi variados (dos 25 euros aos máis de 300!), podes consultalos na web. Pero ten moi boa pinta!

Foto | Fred Ernst (Motel Mozaïque)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *