Toldscapes: fotografando o que xa non está

Toldscapes

Nas fotos de Joan Morera vemos paisaxes, edificios, ou campos que temos visto xa mil veces. Non parecen ter nada de especial. A súa forza radica no que nos contan deles, iso é o que transforma as fotos en profundamente significativas.

Toldscapes

Porque nas fotos de ‘Toldscapes’ o que estamos a observar son lugares de horror, aínda que hoxe sexa xa irrecoñecible. Lugares onde, na Guerra Civil, moitos galegos foron represaliados, paseados, fusilados.  O que se está a fotografar non son pois os lugares, é o esquecemento. E tamén a memoria, pois a pesares do tempo pasado, eses espazos que parecen tan correntes, non o son no imaxinario colectivo dos que coñecen a zona. “Desde neno levo escoitando historias da guerra civil e dos seus lugares, e creo que aínda hai moito por dicir”, explica Joan Morera. Para conseguir a información respecto aos emprazamentos recorreu a familiares e amigos “ía tirando do fío, primeiro falei con amigos, e eles a súa vez coñecían a outras persoas que podían contarme cousas”, e tamén a expertos como Telmo Comesaña da Memoria Histórica de Vigo ou Anxo Gallardo de Ponteareas.

Toldscapes

O resultado é unha serie de fotografías nas que se nos mostran diversos lugares de represión da provincia de Pontevedra, e que pretenden revisitar desde un contexto actual o escenario dalgúns dos capítulos máis escuros da historia do país. Son paisaxes narradas, que non se poden entender sen coñecer a súa historia. Porque o proxecto ‘Toldscapes’ ten un claro obxectivo de  busca e reconstrución da memoria: “O que me sorprendeu é que a guerra acabou no 39, pero hai unha guerra simbólica que aínda non terminou.  Seguen en xogo a memoria, a historia e tamén a nosa a dignidade”.

Toldscapes

Podedes ver máis fotos da evocadora serie ‘Toldscapes’ na web de Joan Morera. 

Shares

    4 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *