O turista máis geek: apps para as vacacións

Turista geekNon vos imos a enganar: por moi tecnolóxicos que sexamos, por moito gadget que encha os nosos petos, nos veráns volvémonos un pouco analóxicos. Hai algo de fermoso nos mapas de papel que non sabemos como dobrar, nas cámaras de fotos que ocupan e pesan e en meterse nun restaurante e non entender nada do que hai no menú. Ademais a area é perfecta para raiar pantallas!

Pero tamén sabemos que vivimos en plena época tecnolóxica, en días nos que xa só se perde quen quere facelo. E por iso, e aínda que aseguremos que non imos a tocar o noso smartphone durante as vacacións, temos por se acaso unha serie de apps do máis útiles instaladas. E se viaxamos ao estranxeiro mercamos tarxetas de datos dalgunha operadora local. Queres ser un turista geek? Estas son as nosas apps imprescindibles:

– As guías: Tripadvisor, Foursquare, Minube. Un peso menos na mochila: a pesada guía de Lonely Planet pode xa quedar na casa: Tripadvisor e Minube ofrecen guías de cidades coas recomendacións doutros usuarios. E Foursquare ten esa fantástica pestana “Explorar” para poder satisfacer os teus antollos máis fortes. Iso si, levar a Lonely Planet sempre dá un extra de prestixio viaxeiro (non turista!) que desaparece co smartphone.

– Os mapas. Cremos que o GPS está a volvernos un pouco parvos (hai taxistas que xa non saben onde están as rúas!), pero é tan sinxelo dicirlle a Google Maps que nos leve a calquera punto dunha cidade… Por suposto, quen di Google Maps di a app rival de Apple ou Nokia Maps ou o que veña no teu teléfono. Outra app moi útil é Take me to my car, que lembra onde aparcaches e cando queres volver, amosa o camiño.

– O dicionario. Outro peso que desaparece: o deses dicionarios de peto con vocabulario para viaxes. Google Translate fai o traballo. Outra opción é Vocre, un tradutor de voz que fará que o que digas sexa intelixible para ese pobre local ao que estás a gritar para ver se así entende as túas palabras. E viceversa.

– As postais. Antes de enviar unha postal con Postagram selecciona ben ao destinatario: hai xente (a redacción de Disquecool ao completo) que podería retirarte a palabra se en lugar de unha postal clásica enviada a man recibe unha con letra de ordenador ou, peor aínda, unha postal virtual. Pero para toda esa xente á que lle dá igual que o correo tradicional estea en perigo de extinción é unha opción válida e barata.

– A cámara de fotos. Ai, serás a envexa de todos os teus contactos en redes sociais compartindo fotos das túas vacacións a tempo real. Por suposto, pasadas polos filtros de Instagram ou montadas con Photosynth, que permite facer panorámicas de 360º. E se es dos que prefire facer vídeos, tes tamén “os Instagram de vídeo”, Socialcam e Viddy.

– A calculadora. Se es dos valentes que van saír da zona euro nas súas vacacións, podes substituír a calculadora real ou a do móbil por XE Currency, una app que fai conversións de divisas de calquera país do mundo. Un consello, se viaxas a un país caro (Noruega) menos dunha semana, quizais sexa mellor non facer o cambio e desfrutar eses días. Levarás un susto cada vez que queiras ver cantos euros te está a custar esa cervexa.

Foto | Andrés Fraga (en pleno Disquerreto Danubio)

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *