Que o nome da serie á que pertence este móbil de Nokia sexa Asha -esperanza en hindi-, xa nos dá moitas pistas do que temos entre as mans. A compañía finlandesa ten serias dificultades para manter o liderado que outrora posuía no mercado europeo, pero aínda é moi forte en países en desenvolvemento. En África e en moitos estados asiáticos Nokia segue mantendo unha relevante cota de mercado, pero outras marcas con sistema operativo Android xa lle veñen pisando os talón con modelos táctiles a prezos asumibles. Co Asha 302 Nokia ofrece un móbil sinxelo e económico para un usuario que busca algo máis que un teléfono, pero tampouco precisa o último smartphone.
Co seu teclado físico QWERTY é ideal para consultar o correo e chatear. A escritura resulta bastante cómoda, especialmente para aquelas persoas afeitas á Blackberry, aínda que se tes os dedos grosos quizais atopes máis problemas.
O Asha 302 é agradable ao tacto e elegante á vista, sen máis pretensións. A carcasa é de plástico, cunha tapa traseira en metal. Os bordes son curvados, o que favorece que sexa cómodo de agarrar. Nós probamos a versión en gris con bordes cromados. Hai outras opcións, como un azul bastante xeitoso e un vermello rosado un pouco adolescente.
O terminal ten unha pequena pantalla de 2,4 polgadas e unha resolución de 320 x 240 píxeles, e non é táctil. O sistema operativo adáptase a estas dimensións, polo que os textos e os menús son facilmente lexibles. A definición non é desde logo das mellores do mercado, pero é bastante decente.
Polas veas do Asha 302 corre o sistema operativo S40, un vello coñecido que pode resultar pesado para as persoas acostumadas a interfaces modernas, se ben os de Nokia conseguiron adaptalo adecuadamente ao terminal. Moitas accións poden facerse desde accesos directos na pantalla e nos botóns para acelerar a navegación. A “esperanza” dos finlandeses trae WhatsApp preinstalado, fai moi doado consultar o correo electrónico, e conta con Social, o cliente para redes sociais como Facebook e Twitter. Outras apps están dispoñibles na tenda de Nokia.
O uso do correo electrónico e do WhatsApp pareceume moi satisfactorio, non así o das redes sociais. O teléfono está optimizado para consumir poucos datos, polo que de entrada as imaxes non cargan, e leva tempo realizar calquera acción.
O teléfono conta cunha cámara modesta, aínda que equipada con temporizador, disparo en ráfaga, efectos e varias posibilidades de axustes (balance de brancos, exposición…). Ten conexión a wifi, unha rañura para microSD e cárgase por microUSB ou co clásico pincho fino de Nokia. A autonomía do terminal é do mellor que ten. Dura dous días sen problema, e se nos conectamos pouco a internet incluso chega a catro.
O seu prezo razoable (podemos atopalo por uns 100 euros), unido á súa comodidade para consultar o correo electrónico e comunicarnos a través de aplicacións como WhatsApp convérteo nunha seria alternativa a Blackberry e nun terminal moi adecuado para xente que busca prestacións nun teléfono pero sen complicarse, así como nunha opción interesante como móbil de empresa.
Fotos | Andrés Fraga
1 comentario