Glockenbachviertel: o Múnic máis trendy

munic

Hai quen di que non é posible amar Berlín e que che guste Múnic (ou viceversa).  Eu discrepo. Ambas cidades gozan dunha atmosfera viva, moderna e moi creativa que percibes nada máis chegar. So que Múnic é unha cidade máis burguesa (nas súas aparencias) e máis hipster. Múnic é a Barcelona de Alemaña, coa vantaxe de que, ao non entender nada, cústache máis captar o finximento da súa pose.

E para percibir esa alma enérxica e diletante de Múnic, nada mellor que ruar por Gärtnerplatz, no barrio de Glockenbach, a só uns minutos do centro turístico da Marienplatz  (bonita praza gótica onde se atopa, por exemplo, o concello).  Desde principios do século XX ten sido o barrio gay por excelencia, algo que agora, máis alá de ver algunha bandeiriña de cores, apenas se nota (alomenos coma turista). A zona ten sido tomada por hetero-trendies con moitos cartos , para nostálxico desgusto dos seus habitantes tradicionais.

Independentemente da demografía do barrio, do que non cabe dúbida é da súa bela vitalidade. As tendas (ou mellor dito concept stores) que balizan as rúas contan cuns escaparates que son unha delicia para os sentidos. Alí podemos atopar boutiques nas que venden tanto roupa de Diane Von Furstenberg coma de deseñadores emerxentes, pero tamén tendas máis alcanzables nas que mercar roupa de Vila, King Louie ou mesmo Pepa Loves.  Os que teñan fillos, sobriños ou primos tamén gozarán de diversas tendas con accesorios infantís de deseño (eu creo que nunca vin tantos pais novos e cool coma en Alemaña). Pero o que destaca por enriba de todo son as tendas de antigüidades, nas que podemos observar, cheos de po e azarosamente amoreados, todo tipo de obxectos dos pasados séculos, desde as caixiñas máis rococós ata mobles retro. E é que nese barrio de Múnic, ata as ferreterías son cool!

Munic

Mercar non é o único que podemos facer nos arredores de Gärtnerplatz. Comer, beber e bailar son outras das razóns polas que achegarse ata alí. Acolledores café e estraños bares gay comparten protagonismo con modernos restaurantes e míticos clubs. E ata podemos atopar alí o local favorito de Fassbinder, o Deutsche Eine.

Limitando co Glockenbachviertel atópase o río Isar, con longos prados as súas beiras onde toda a mocidade (e non tan mocidade) de Múnic reúnese nos días de calor para comer, beber, charlar ou o que se terce. Mentres baixa o sol e a igrexa de enfronte da nove badaladas das, un séntese alí na gloria. Si, un quedaría a vivir alí para sempre.

Pena de non saber alemán.

Fotos | Disquecool 

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *