Este ano, en escasos meses, está de aniversario o Titanic, o transatlántico de infausta fortuna que tanto fixo por mellorar a seguridade da navegación marítima, que deu xogo a tantas historias en cine e literatura e que serviu para facer todo un imaxinario de malos malísimos (ese armador que deixou o barco antes que ninguén) e de románticos romantiquísimos (ese matrimonio de fundadores dos almacéns Macy’s, que preferiron morrer xuntos a salvarse só un). En todo ese imaxinario colectivo, en toda esa novela que é o Titanic, unha cidade ten nome propio e pode ser considerada a súa capital. É Southampton, a máis que trapalleira capital do navío de tráxico sino desde que dende alí zarpara no 1912.
Southampton era unha encantadora cidade de aires medievais. Ou iso din. A finais do século XVIII, Southampton era unha cidade balnearia, á que ía a xente ben a tomar as augas. A condición de cidade balneario non lle durou moito e pronto se converteu sobre todo nun porto industrial, cuns estaleiros potentes. Na cidade viviu xusto nesa transición a escritora Jane Austen, que ten un percorrido histórico que che permite agora seguir os seus pasos polos restos do que ela viviu. O porto chegou ata a Segunda Guerra Mundial sendo un dos máis importantes do Reino Unido e… sufriu duramente o Blitz. Os estaleiros estaban xusto ao carón da vella cidade e practicamente todo quedou reducido a escombros. Durante dúas noites no comezo da guerra, Southampton foi bombardeada duramente. Unhas 600 persoas morreron.
Despois da Segunda Guerra Mundial, Southampton foi construída case dende cero. En vez de facela bonita, decidiron simplemente facela e conseguiron o que é hoxe: un lugar sobre o que a guía da Lonely Planet di que é “un centro de transporte máis que un lugar para estar”.
A viaxe a Southampton de Disquecool comezou na estación de autobuses de Victoria, en Londres. Á que pode ser a cidade máis fea do sur de Inglaterra pódese chegar en avión (hai unha chea de voos con pinta low cost), en tren ou en bus. A ruta do National Express non é moi cara e, aínda que non hai unha darling hostess como prometen algunhas cancións, non leva moito tempo. O autobús entrará en Southampton pola súa universidade, na que se verá animación estudantil e vida. Despois irá ata a estación de autobuses, moi ben situada no centro da cidade o que permite ir andando a todas partes. Non vos deixedes desanimar polo Toys’r’us da esquina ou polo Ikea que divisades: a estación está de verdade no centro (e Ikea moi ben situado!) e non paga a pena tomar un taxi a ningunha parte.
Na rúa peonil que baixa dende a antiga porta da muralla (un dos ‘puntos foto’ da cidade) ata a fronte mariña hai un par de hoteis históricos. A elección de Disquecool foi a de optar pola máis barata, o Star Hotel, que funciona dende o século XVIII e no que a principios do XIX se aloxou a princesa Victoria (futura Victoria I) e a súa nai a duquesa de Kent. O hotel ten un look and feel super retro, pero non retro falso ou vintage, senón retro de verdade. Todo é altamente demodé, o que resulta encantador.
Unha vez deixadas as cousas no hotel, hai que comezar a exploración. Con todas as parvadas estamos no mediodía e calquera podería pensar que non vai ter tempo para visitar todo o que a cidade ten para ofrecerlle. Iluso. Como a responsable da oficina de turismo explicou, todo se pode ver nunha única xornada… sobre todo en inverno cando unha chea de atraccións están pechadas. A única razón para ir a Southampton é, tendo en conta a tráxica historia da cidade e a súa conversión en nube de cinzas, a Titanic filia. A primeira parada ten que ser, por tanto, o Maritime Museum, que recolle a historia da poboación como porto e sobre todo a súa relación coa nave. O museo leva uns meses pechado, porque están a preparalo para o centenario do naufraxio (este abril) e a máis que esperada avalancha de fans do Titanic. Ante esta terrible situación, a única opción é a de achegarse ao Titanic Engineer’s Memorial, o monumento inaugurado o 14 de abril de 1914 en memoria dos enxeñeiros do barco, que afundiron tratando de salvalo. O monumento, o clásico Belle Époque de figuras aladas, é un histórico sucedáneo.
Preto está a Southampton City Art Gallery, o ecléctico museo de arte. Na oficina de turismo recomendan encarecidamente comer no restaurante do museo porque as vistas son estupendas, aínda que o único que se pode apreciar son xardíns de diante. O museo é afortunadamente gratis: segue unha estraña pauta de organización na que autores con Gilbert and George comparten sala con Edward Burne-Jones. Que os primeiros aporten unha vídeo instalación cun piano xigante e o segundo uns decadentes paneis sobre Perseo fai todo aínda máis inquietante.
Despois de comer, mellor apurar o paso (é un dicir) e baixar ata a Tudor House. A casa é un dos poucos edificios históricos da cidade, salvado gracias aos desvelos dun mecenas no século XIX. A casa permite seguir a historia da cidade e da casa (dende o esplendor da época Tudor ou do período no que a cidade foi un balneario ata a decadencia da rúa que a levou a ser convertida en apartamentos para a clase baixa e pasando pola Segunda Guerra Mundial, cunha demostración de como a viviu o guardés) dende a Idade Media ata agora. O museo (caro, como todos os británicos) é bastante interesante e cubre o baleiro deixado pola Medieval Merchant’s House. A (aparentemente) fascinante casa empezou a ser levantada no século XIII e permite agora coñecer como vivía un mercader da Idade Media. Só abre nos veráns e en datas concretas, así que mellor non facerse ilusións con vela.
Cos museos pechados, sempre se pode acabar no Waterstone’s e facerse con algún libro de historia local. Ou se non, abotoar ben o abrigo e lanzarse a seguir a ruta Jane Austen. Austen, como dicía, viviu unha tempada na cidade, na casa dun dos seus irmáns destinados como militar no lugar. Jane bailou no hotel que está ao carón do Star, paseou pola beira do mar e habitou un par de casas. Cando era unha nena, estivo interna unha tempada nunha escola da cidade, aínda que unha epidemia de tifus mortal a levou de volta á casa dos país, a reitoría campestre de Steventon. Agora que Jane Austen se converteu nun fenómeno de masas, aproveitar ese pasado é un plus para o turismo de Southampton.
A ruta Jane Austen percorre ademais practicamente todos os monumentos de visita obrigada da cidade, como os restos da muralla medieval ou a casa da la, un almacén medieval. A ruta pasa tamén por diante da igrexa de Saint Michael, a máis antiga da cidade e que agora está en ruínas. O seu aspecto actual é exactamente igual ao que quedou en pé dela tralo Blitz. Esa é a parte positiva da ruta porque en liñas xerais resulta máis sorprendente que agradable. Pouco queda do Southampton no que vivía Jane Austen, polo que as indicacións do folleto da oficina de turismo tanto levan ata unha tenda Oxfam (na que antes estaba o edificio da escola de Jane) como a un Marks and Spencer, que foi algún outro lugar fito na súa vida agora reconvertido en algo feo e post-industrial.
Con sorte xa serán as oito, as rúas estarán baleiras (salvo algún vello con pinta de antigo quinqui que non entederá que andas a facer cun mapa na man) e non sentirás moitos remorsos por irte directamente a cear. Ao día seguinte pola mañá un tren che levará a Bath. E esa si é a cidade máis bonita de Inglaterra.
Fotos | Wikimedia | Disquecool
Eu pensaba que a capital do Titanic era Belfast, onde foi construído (teñense especializado en “turismo titánico” ultimamente). Parabéns polo blog
Belfast tamén é a capital do Titanic. Penso que este ano calquera cidade que teña unha mínima relación co Titanic vai intentar sacarlle o máximo partido!! :)