“Iso que vas facer é unha porcallada”. Os peixes garra rufa son o último hit no mundo dos tratamentos de cosmética, aínda que como indicaron todos os achegados aos que decidín dar parte do que ía probar teñen unha non moi boa imaxe. Grima é unha palabra moi asociada á experiencia previa aínda que despois, unha vez que te atopas nun mini tanque cheo de auga cunha chea de peixes comepel, non é tan malo.
Os garra rufa son uns pequenos peixes orixinarios de Turquía e algúns países de Oriente Próximo e son empregados en tratamentos spa dende hai uns anos. Os peixes viven en acuarios (como os de toda a vida) e a súa vítima só ten que deixar caer con moito coidado (se non asustaríanse) os pés dentro, para que empecen a desfacerse das peles mortas. Os garra rufa comezaron sendo un deses estraños guilty pleasure de sitios moi concretos (coma o centro de beleza madrileño Mi calle de Nueva York) pero agora xa están estendidos por todas partes e é case imposible non atopar en 50 quilómetros á redonda onde facer un tratamento.
Os peixes, segundo explicou a esteticien responsable na nosa proba, non teñen dentes, polo que non morden a ninguén nin arrancan nada. Eles succionan unicamente, como se fosen ventosas (de feito, antes de meter os pés na auga o recomendable é facer unha pequena esfoliación) as peles que xa están mortas. Unha vez acabada a sesión (que non dura máis de media hora) a pel queda máis suave: aínda que, se alguén agarda que os peixes obren un milagre e acaben coas súas durezas, debería saber xa que iso non vai pasar.
A sensación non é moi desagradable. Non é entusiasmante, pero tampouco ides morrer de noxo. Sentiredes como moitas mini ventosas. O máis impactante é ver a todos os peixes acudindo voraces aos teus pés, como se fosen unha horda de mini pirañas. Aínda que levedes o xornal convosco (ou vos deixedes enredar pola ‘Hola!’ da sala de espera), non seredes quen de ler nin unha única páxina. Ver a todos os peixes adicados a atacarvos terá un certo grado de fascinación.
Foto | Matlock-Photo