Reto Disquecool: Danubio en bicicleta

Cicloturismo no DanubioNo corazón de Europa, seguindo o trazado do segundo río máis longo do continente, bordeando abadías e biergarten, existe un paraíso ciclista. Máis de 1.000 quilómetros de carril bici abrazan ao Danubio no seu paso por Alemaña, Austria, Eslovaquia e Hungría, conformando  unha das maiores sendas exclusivas para cicloturistas e ofrecendo unha forma diferente de viaxar. Temos un reto!

Queremos facer o Donauradweg, como se denomina a este carril para ciclistas, e queremos contarcho. Así que xa estamos enchendo as nosas alforxas (non demasiado, claro, que despois hai que carrexalas), e repasando os últimos detalles da nosa viaxe. Non somos moi deportistas, non, pero as guías e páxinas web que consultamos insisten en que na maioría dos seus quilómetros de trazado o camiño é chan e por tanto apto para todo tipo de cicloturistas, desde os principiantes (o noso caso), ata os máis experimentados, incluídas familias con nenos, así que, malo será!

A senda está ademais perfectamente sinalizada e a meirande parte do percorrido circula por unha pista única para bicis ou, no seu defecto, por camiños con apenas tráfico de vehículos. Ao longo do camiño discorren así mesmo tendas e talleres que responden a todas as necesidades do ciclista, e incluso campings, bed&breakfast e albergues bike friendly.

A primeira decisión que hai que tomar é a ruta a realizar: pode facerse completa ou escoller algún tramo. A elección dependerá do tempo do que dispoñamos, da nosa condición física e das opcións de viaxe que nos resulten máis económicas e axeitadas. No noso caso, decidimos acompañar o Danubio coas nosas pedaladas desde Ulm ata Bratislava. Previamente percorreremos uns 50 quilómetros por outro carril, o Iller Radweg, desde Memmingen (preto de Munich), a onde chegaremos en avión cunha compañía de baixo custe desde Oporto. A volta realizarémola de Bratislava a Santiago coa mesma aeroliña vía Málaga. En total, algo máis de 700 kilómetros en 22 días, do 2 ao 24 de agosto.

Á hora de planificar rutas e etapas resulta moi práctico adquirir as guías Danube Bike Trail de Esterbauer (en inglés). Son dúas, unha da parte de Alemaña, e outra da ribeira austríaca. Tamén hai webs que permiten consultar mapas e información útil para o cicloturista, como a de BayernInfo e Eurovelo6.

Presentámosvos ás nosas bicis

Pedalearemos moito, pero tamén de vagar (filosofía Slow Bicycle!), gozando das paisaxes e as pequenas vilas da marxe do Danubio. Tamén reservaremos algún día libre para coñecer Ulm, Passau e Linz, visitaremos amigos en Regensburg, e faremos unha pequena Disquemeeting en Viena.

Outro punto importante é decidir se levar bici propia ou alugala alí. Levala implica facturala, se vamos en avión, co correspondente incremento do prezo do billete e a incomodidade asociada á empaquetala axeitadamente. Se a alugas nun dos numerosos establecementos do Donauradweg evitas estes inconvenientes pero non tes a comodidade da túa propia bici, ao que hai que engadir o custo adicional do aluguer.

Nós decidimos compartir a nosa viaxe cunha BH Boston cuns cantos anos de rodaxe e unha recén adquirida Kalkhoff, ambas de Trekking, o tipo de bicicleta que os profesionais nos recomendaron para esta viaxe. Se decides levar a túa propia bici, ten en conta que establecementos como por exemplo Velocípedo, en Santiago, ofrecen o servizo de embalaxe e incluso contactan cun taxista con vehículo adaptado para o transporte ao aeroporto.

Iremos actualizando durante a viaxe para que poidas coñecer todas as cousas cool que agocha o Donauradweg (a primeira, ir en bici!), así como as aventuras e desventuras deste Reto Disquecool. Estamos en marcha!

Foto portada | Vermario

Fotos interior | Steevko e Disquecool

Shares

9 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *