Viana do Castelo, capital cultural do Eixo Atlántico

Viana do Castelo foi durante moitos anos un dos principais portos de Portugal para a pesca do bacallau. No século XVIII era a onde chegaban as riquezas das colonias portuguesas e a cidade vivía no esplendor. Agora -fastos coloniais apagados – é a capital turística da rexión de Minho e, ata finais deste mes, a capital cultural do Eixo Atlántico (e si, o Eixo Atlántico é o norte de Portugal pero tamén somos nós), o que da unha perfecta escusa para facer unha excursión á encantadora Viana do Castelo.

Perderse polas rúas do casco vello da localidade, comer un pastel de nata e achegarse ao monte de Santa Luzía son os puntos obrigados da visita. A guía da Lonely Planet acerta de cheo cando define á construción en honor de Santa Lucía de extravagante. No alto dun outeiro, unha sorprendente igrexa con certo aire medio bizantino medio Sacré-Coeur de París acolle a todos os devotos da santa da vista. Pero o mellor de achegarse ata o monte e coller o funicular. Portugal é o país dos funiculares e para unha entusiasta deles como é o caso (e mellor cando son realmente vintage, como os de Lisboa) subir no de Viana de Castelo é estupendo. O funicular ten que trepar por unha costa empinadísima e longuísima.

A cociña do Gil Eannes

Aínda que o que debería ser visita obrigada en Viana do Castelo é o navío Gil Eannes, un antigo barco hospital que tras navegar polas frías e difíciles augas de Terranova e Grenlandia ofrecendo soporte médico aos barcos portugueses que ían ao bacallau foi abandonado no 1984. A finais dos 90 foi rescatado do estaleiro lisboeta no que estaba a piques de morrer e foi reconvertido en museo.

Por dous euros pódense ver dende os camarotes dos mariñeiros ata o do capitán (e si, as diferencias son moitas), as máquinas do barco, os quirófanos (onde aínda cheira a desinfectante!) ou as impresionantes cociñas. No navío hai tamén unha pousada de juventude, na que durmir por poucos cartos pero nun lugar sorprendente.

Como bonus track, engadimos o supermercado Froid da Avenida dos Combatentes da Grande Guerra. Non só tiña – polo menos este domingo – boliños de pan a cinco céntimos de euro senón que ademais é posiblemente o supermercado máis bonito de todos os que ten a cadea Froid. Está nun antigo garaxe.

Fotos | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *