Podería ser un dos museos máis populares de Santiago se os fondos limitados non lles obrigaran a ter uns horarios tan reducidos. Este verán, o museo Casa da Troia, que recupera unha antiga pensión de estudantes en Compostela con pasado literario, abre unha nova fiestra para poder visitala. E hai que aproveitala! Só dura ata o próximo 16 de agosto e a excursión merece a pena.
A finais do século XIX, dona Generosa Carollo quedou viúva. Na época, as mulleres viúvas poucas solucións tiñan para manterse. Non había pensión de viuvedade e tampouco había moitos traballos que unha muller de boa familia puidese desempeñar. Así que dona Generosa fixo o que outras xa fixeran na Compostela finisecular: converteu a súa casa nunha pensión para universitarios. Entre 1889 e ata que morreu en 1906, dona Generosa aloxou e alimentou a cinco universitarios cada curso na súa casa da hoxe zona vella compostelá.
E sobre todo… serviulle de inspiración a Alejandro Pérez Lugín, que fixo da pensión de dona Generosa o escenario da súa novela ‘La casa de la Troya’, publicada en 1915 e un auténtico best-seller do momento. Tanto que coñeceu cinco versións cinematográficas ( a primeira xa en 1925 dirixida polo propio escritor, a derradeira protagonizada por Arturo Fernández en 1959 e polo medio unha made in Hollywood, aínda que coa compostelá historia situada en …. Andalucía!) e incluso protagonizou un preito por suposto plaxio, tal era o boom da historia.
‘La casa de la Troya’ conta a historia de Gerardo, un estudante tarambaina ao que o seu pai manda a seguir estudando a Santiago dende Madrid. Na cidade coñece a Carmiña, unha rapaza de boa familia da que se namora e a que tenta namorar – con boas intencións, por suposto – mentres descubre a vida universitaria de Compostela. Xa sabedes: ronda la tuna, moito comer e tamén estudar. E Gerardo vive na pensión de dona Generosa, que é un máis dos protagonistas da novela.
Segundo nos explican na visita guiada, moitos dos personaxes que aparecen na novela son xente real, á que Pérez Lugín nin sequera lle cambiou o nome. El, emparentado con Rosalía de Castro, foi como no caso de Gerardo un madrileño que acabou estudando en Compostela. Das súas experiencias saíu a novela, que é un fiel reflexo de como vivían os universitarios daquela.
A casa museo reflexa perfectamente ese ambiente. Trala morte de dona Generosa, a pensión volveu ser unha casa particular. Logo, en condicións terribles, foi mercada polo concello que a cedeu ao padroado Casa da Troia para abrir o museo. Todos os mobles, lámpadas e ata a impresionante cociña son da época contemporánea á novela ou, como de moi tarde, dos primeiros anos do século XX.
O visitante pode ver as camas, a sala de recibir, o comedor e ata a tina na que se bañaban unha vez ao mes “faga falta ou non”. Non hai baño porque, aínda que xa de aquela empezábase a penar pola normativa municipal esta práctica, aínda se estilaba o de tirar as augas residuais pola fiestra, como nos explica a guía do museo. Tamén poderá descubrir como a moda entón era ‘todo o que veña de Inglaterra é cool’ e así comíase en vaixelas inglesas, vestíase á moda da Gran Bretaña ou levábase chistera de pel de castor cando se saía elegante (se a economía non daba para tanto nivel, sempre se podía botar man á pel de toupa, máis barata).
A visita custa dous euros, un se se é estudante, e é un percorrido guiado por unha casa museo de verdade (nada de cuartos con paneis aburridos: aquí o que che deixan é o que sempre se espera das casas museo, o de ver como era a vida daquela). Os mércores e os domingos hai ademais unha visita teatralizada ás 11 da mañá: dona Generosa viste o seu hábito do Carmen (era unha muller moi piadosa e decidiu vestir así tras enviuvar) e déixanos cotillear na súa casa. Se dona Generosa non está, sempre estarán as – moi amables – guías do museo, que descubrirán na visita datos moi sorprendentes sobre como era a vida no Santiago de 1897.
Fotos | Disquecool
Cántaros? E logo non lle chamarían SELLAS (ou sillas) segundo a zona… E todo para ir buscar auga á fonte!