Olei, aceite premium galego

Cando a innovación e a natureza se alían xorden cousas como Olei, un aceite de oliva virxe extra galego que é o resultado de tres anos de investigación da empresa galega Invatia Research, unha compañía de base tecnolóxica dedicada á investigación, produción e comercialización deste óleo, legado de antigas oliveiras autóctonas de Galicia.

Olei é un produto dirixido ao sector gourmet, procedente de olivas autóctonas das comarcas de Quiroga, Valdeorras e Xinzo de Limia. A súa calidade premium vén dada por esta exclusividade da materia prima, así como polo seu innovador envase, que máis que unha botella de aceite asemella case un xigante frasco de perfume.

Como adoita acontecer con este tipo de produtos de calidade, este aceite galego é o resultado da combinación de tradición e modernidade. Así, a colleita de olivas realízase de forma manual, mentres que a elaboración do aceite transcorre en modernas instalacións. Todo isto sen perder de vista a sustentabilidade.

Segundo afirman os expertos en aceite, en Olei percíbese a personalidade da oliva galega, consecuencia dun clima  influenciado polas chuvias atlánticas e a calor do interior continental, e duns chans predominantemente pizarrosos, areosos e sedimentarios; o que dá como resultado un aroma e sabor singulares e afroitados.

Polas súas características, Olei lévase moi ben coa nova cociña. Restaurantes de vangarda inclúeno nos seus menús, como o compostelán Abastos 2.0, que colabora coa marca desde a etapa previa ao seu lanzamento oficial. Tamén o fan outros cociñeiros de renome, como Pepe Solla, do Grupo Nove.

O aceite comercialízase en España, China (Pequín e Shanghai), Nova York, México e Perú e intégrase nun proxecto de investigación levado a cabo por Invatia Research baixo o nome Xen-Olea, destinado a determinar as características xenéticas e morfolóxicas das oliveiras autóctonas para desenvolver comercialmente esta variedade diferencial.

Poderás atopar este aceite en establecementos gourmet (entre eles varias tendiñas do caso vello compostelán desas que parecen ultramarinos de toda a vida pero nas que atoparás delicatessen carísimas), en tendas especializadas e nalgúns grandes almacéns, tanto en Galicia como noutras Comunidades. Tamén en webs como Vino Gallego, onde está á venda por uns 25 euros.

Pero se queres algo aínda máis exclusivo, Invatia tamén lanzou, coa colaboración de Sargadelos, unha edición limitada deste aceite en botellas realizadas pola empresa ceramista galega. O novo envase, que se adquire por venta privada e ten un prezo duns 120 euros, segue as mesmas liñas de deseño da botella habitual, pero baixo a particular ollada de Sargadelos.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *