Fitbit Flex: análise

Fitbit Flex análise

Intentámolo todo. Saír a correr, apuntarnos ao ximnasio (por iso de que se doe no peto igual os nosos músculos se activan), saír a camiñar en grupo (esas señoras saben o que fan), deixar de coller o ascensor, deixar de coller o autobús, convertelo en actividade hipster, apostarnos cousas con amigos ou con nós mesmos, publicalo en redes sociais (se llo conto a todo o mundo haberá que facelo, non?)… Non se nos pode acusar de non querer facer exercicio. É só que sempre parece haber unha forza superior que o impide: choiva, calor, amigos que ofrecen terraza e cañas, capítulo novo da nosa serie favorita… Que facer, gritamos desesperados? Miramos o noso smartphone. Está na tecnoloxía a resposta? Unha rápida busca en Internet di que si. Hai unha nova onda de gadgets dispostos a facernos levar unha vida máis activa.

De todos eses aparatiños que podemos suxeitar na roupa, levar no bolso, ou poñer no pulso, decidimos probar Fitbit Flex. Había algo atractivo de partida no seu deseño coidado e bonito que fixo que a pulseira que medirá canto nos movemos fose a escollida. Ao recibir o paquete co novo xoguete esa sensación continuou: o packaging  está moi ben feito, coa pulseira á vista e colocada coma nunha vitrina. O noso primeiro premio nesta nova vida que empezamos hoxe.

Fitbit Flex análise

Na caixa atopamos dúas pulseiras, unha máis grande ca outra, para poder escoller segundo como sexa o noso pulso, un cable USB para cargar o dispositivo e dúas misteriosas e diminutas peciñas de plástico: non as subestimes, nelas é onde está Fitbit Flex. Unha é o sensor que medirá os teus pasos e calculará distancias; a outra e un receptor USB que, cando está no ordenador e ten o sensor próximo, conéctase vía Bluetooth con el actualizando o teu panel cos datos do que tes percorrido ata o momento (ou durmido).

Montamos o sensor na pulseira (de silicona, de tacto moi agradable e que non pesa nada), poñémola (tras loitar un pouco co peche, que é bastante duro). O primeiro que chama a atención é o pouco que chama a atención a pulseira: unha banda de silicona que agora está no noso pulso, pero da que nos esqueceremos en poucos minutos. Unha das grandes bazas de Fitbit Flex é o cómoda que é: unha vez posta, non hai que quitala para nada. Nin para durmir (seguirá traballando), nin para a ducha. Porque si, é resistente á auga (probámolo cun baño no mar).

Que mide exactamente Fitbit Flex e como fai para animarnos a ser máis activos? Moi sinxelo: conta os pasos. Si, só os pasos, non ten altímetro, algo que si inclúen outras versións de Fitbit, así que todas esas escaleiras non aparecerán no gráfico. Se es ademais dos que queren saber cantos quilómetros levan percorridos no momento, ten en conta que no seu deseño minimalista, a pulseira apenas dá información: só cinco luceciñas LED, cada unha representando un 20% do teu obxectivo diario, serán as que te digan que tal vas. Dous toqueciños sobre a pulseira e verás cantas luces levas. Moitos toques e entrarás en modo “durmir”.

Porque si, Fitbit Flex tamén monitoriza que tal dormes: segundo os teus movementos pola noite, calcula as horas de sono real que tiveches, canto tardaches en quedar durmido e cantas veces espertaches durante a noite. E o mellor: podes programar unha alarma (no panel de control web). A pulseira vibrará á hora escollida e espertarás sen sobresaltos e, se dormes con alguén, sen molestar.

Esa é a parte hardware, pero onde realmente verás o que vas conseguindo é no software. Un panel de control na web ou nunha app móbil (nós somos de Windows Phone, así que non puidemos probala) na que, unha vez sincronizado o sensor grazas ao receptor USB, podemos ver en forma de atractivos gráficos o que levamos feito. Estatísticas diarias, semanais e mensuais de pasos dados, actividade en xeral (podes incluír actividades que fixeches se non levabas posta a pulseira), calorías consumidas (se rexistras o que que comes, algo que aínda dá bastante preguiza facer máis de dous días) e queimadas… Podes tamén fixar obxectivos de actividade diaria e ver se os cumpres. E o mellor: recibir medallas.

Fitbit Flex análise

Porque despois de todo cando mellor funcionamos é cando estamos a xogar ou a competir. Aínda que só sexa contra nós mesmos. Algo se acende cando recibes un mail de Fitbit dicíndote que xa levas 10.000 pasos dados e animándote a acadar o seguinte obxectivo. E saes algo picado a camiñar cando ás 11 da noite ves que só levas tres das cinco luces. No xogo, nos premios, na competición, na comunidade (podes compartir os teus méritos en redes sociais, competir con amigos, etc) é onde está o segredo. Non sabemos como funcionará a longo prazo (nós só o probamos unha semana), pero os primeiros días si fai ilusión.

Cal é a conclusión final? Fitbit Flex é un gadget entretido, que funciona ben e que é cómodo. O efecto real seguirá a depender do usuario. Poderías obsesionarte co cómputo de pasos, ou poderías aburrirte do xogo en dúas semanas e volver á túa vida de sofá e series. Pero eh, que non digas que non o intentaches!

Fotos | Disquecool 

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *