Cando un producto sae bo, non implica que non se poida mellorar. Iso debían ter en mente a xente de Nokia cando decidiron coller o seu cabeza de cartel, o Lumia 920, e darlle un par de voltas a ver que se podía facer. Se un se fixaba nas principais queixas que había sobre este teléfono moitas xiraban en base ao seu grosor, peso e tamaño. E son xusto estes os puntos que o Lumia 925 corrixe sobre o seu antecesor.
Cun deseño que rompe a liña monobloque da famila Lumia, o novo titular de Nokia achégase máis ás medidas e peso dos seus competidores. Por obra da enxeñería, e sacrificando a carga inalámbrica, o 925 é quen de sacarlle 2,2 mm menos de grosor ao seu irmán maior, quedando en 8,5 mm. O canto redondeado de aluminio, coa volta de Nokia a este metal, faino moi agradable na man e soprendentemente seguro de agarrar. Durante todo o tempo que o tivemos de proba, nunca se nos caeu das mans. O frontal está unha vez máis cuberto case na sua totalidade por pantalla e na parte de atrás destaca un pequeno resalte circular de vidro sobre a superficie de plastico mate. O efecto visual é fantástico e permítenos saber ao tacto se estamos a meter o dedo diante da óptica. O 925 é sen dúbida o irmán “elegante” dos Lumia
Unha vez prendemos o teléfono e comezamos a fedellar nel, descubrimos que non hai moitas diferencias respecto ao 920. As características xerais son as dun terminal de alta gama, e garanten que Windows Phone vai ter potencia de sobra para traballar. E efectivamente, o teléfono responde ao instante en case todas as aplicacións, polo que o seu uso resulta moi agradable.
Sumadas as especificacións típicas de procesador, RAM, etc., cabe salientar un deses detalles aos que non se lle adoita prestar atención, pero que na nosa experiencia foi de bastante importancia: a wifi. Xa case todos temos datos no nosos teléfonos, o que non supón que poidamos prescindir da wifi. É precisa para certas actualizacións, segue a ser máis rápida que a conexión 3G (logo falaremos do 4G), e o máis importante, consume moita menos batería. Ademais, cando andas de viaxe, seguro que vos pasou algunha vez de andar buscando wifis como zombis para poder subir esa foto tan chula a Instagram sen que o sobrecuste de Roaming aniquile o teu orzamento. Pois é nese punto onde o pasado de enxeñeiros nerds de Nokia se nota: a antena de wifi é fantástica. Onde os iPhone e iPad mostran un deserto de wifis, no noso Lumia un florido bosque de antenas florecía, e para os que somos un pouco adictos a internet, iso agradécese.
O mesmo sucede coa cobertura, que en lugares nos que apenas hai (si, aínda quedan lugares sen cobertura) nótase diferencia fronte a teléfonos doutras marcas e incluso outros Lumia de gama máis baixa. Ademais, se es un fanático da velocidade debes saber que o 925 vén preparado para 4G, así que se nos les dende fóra de Galicia igual xa podes gozar da supervelocidade. De todas formas, polo menos na nosa experiencia, do 3G ao 4G apenas se nota diferencia no uso real. Pero iso vai por gustos.
Pero non so de hardware vive o geek, e en todas as ocasións nas que temos falado dun teléfono de Windows Phone xorde a mesa cuestión: a falta de aplicacións. Se comparamos o número de aplicacións en iOS e Android, os de WP parecen rídiculos. Pero non nos enganemos, a esta altura, non botarás case nada de menos. Os grandes xa están neste sistema operativo. Poderás saciar os teus vicios de hipster en Instagram con 6Tag ou en Tumblr, organizarte con Evernote, gastar os cartos en Amazon ou Ebay, ou compartir as túas fotos na túa rede social sen ningún problema. No relativo a compartir imaxes, WP8 permite integrar todas as túas redes sociais e aplicacións dunha maneira moi sinxela.
Na toma de fotografías, o 925 tamén saca ventalla ao seu irmán pequeno. O dispositivo inclúe o mesmo sensor e sistema de estabilización de imaxe, pero engade unha lente máis ata un total de 6. O procesado de imaxes tamén promete ter mellorado con Amber, a nova actualización que Nokia fixo sobre os seús Lumias e que agora está ademais dispoñible para o 920 e en breve para o resto de gama. Pero quizais unha das novidades que máis nos gustou, e que procede da última presentación de Nokia, o Lumia 1020, é a aplicación Pro Camera.
Esta novidade, exclusiva dos teléfonos Nokia, polo de agora só dispoñible nos denominados “PureView”, permite un control sobre as prestacións da cámara que supera en comodidade a moitas das compactas do mercado. Cunha interface moi coidada podemos variar a exposición, ISO, balance de brancos e tempo de exposición cun simple xesto do dedo, e o que maís nos impresionou: o foco. Con esta aplicación o teléfono permítenos realmente tirar o máximo partido das excelente cámara do Lumia 925.
Se tedes máis curiosidade sobre as fotos que se poden facer, non tedes máis que seguir a nosa serie “Tralas pegadas do hipsterismo” con artigos sobre a viaxe que Disquecool fixo a Costa Oeste Americana. Todas as fotos de esta serie de artigo están feitas co terminal de mostra utilizado para este artigo. Pero se sodes impacientes podedes botarlle un ollo a esta galería de fotos tomadas todas cun Lumia 925 e sen ningún retoque máis alá de cambiar o tamaño.
En resumo, o Lumia 925 é un smartphone de gama alta que mellora algunhas das queixas que o público tiña sobre o resto dos Lumia.Cun acabado moi coidado e unhas prestacions irreprochables é unha boa opción para quen queira entrar en Windows Phone pola porta grande.
Este artigo foi escrito antes de as recentes novas sobre a compra da división de móviles Nokia por parte de Microsoft.
* Análise feita grazas ao terminal cedido por Nokia a Disquecool
Fotos | Andrés Fraga