O mundo non remata tras San Simón. De verdade. É posible saír da illa e acudir a outros festivais sen pasalo mal. E, pasados uns meses, o microparaíso no que tiveches a oportunidade de vivir durante un día pasa a ser unha simple lembranza, desas borrosas e felices, como un cumpreanos da infancia ou un soño. Para salir adiante o ideal é coller o touro polos cornos e pasar o mes de agosto indo a festivais. Aquí van as nosas propostas.
– En Galicia. Festival Noroeste Pop-rock. A Coruña, 10 e 11 de agosto. Estás a perseguir a Xoel López e a Iván Ferreiro (pillalos por separado non é fácil!) por toda a xeografía do país? Entón seguro que andiveches por PortAmérica. En Nigrán, o ex-Pirata era o anfitrión, na praia de Riazor tocaralle a o ex-Deluxe. Se es dos que non os soporta, sempre podes ir a ser feliz con Mika, ou a descubrir a Escuchando Elefantes e a Wolrus.
– En España. Mirador Pop. Cádiz, 24 e 25 de agosto. Nós queríamos recomendar o Arenal Sound de Castellón, pero as entradas xa están esgotadas! A alternativa que propoñemos é moito máis modesta e pequeniña, pero ben sabemos que iso é o que nos gusta en realidade. Cun cartel nacional que se escapa do bloco vetusto-lesbiano & cía que xira a península, e nun lugar con tanto encanto como Cadiz, a cousa ten que estar ben. Quen vai? Anni B. Sweet, Bigott, Nudozurdo, Templeton e Jonston entre outros.
– No estranxeiro. Festival EDP Paredes de Coura. Paredes de Coura (Portugal), 13-17 de agosto. É fantástico que o estranxeiro pille tan a man, verdade? O festival preferido de todos os galegos volve un ano máis cun cartel cheo de nomes grandes e pequenos e co seu río esperándonos. The Whitest Boy Alive (a Erlend Oye gústalle tanto o Paredes de Coura como se fose galego), The Temper Trap, Anna Calvi, Of Montreal, Midlake, Deer Tick, tUnE-yArDs, Japandroids…
Foto | Hugo Lima (Paredes de Coura)