* Colaboración de Miguel Neira
Corría o ano 2004 cando un bo amigo me recomendou un disco chamado ‘Suicide Medicine’ (dito así soa irónico). Os seus 12 temas, que acabaría por saber de memoria, estaban firmados polo cantautor de Seattle e de nome canto menos curioso, Rocky Votolato. Eu, que por entón non escoitaba apenas música na que non predominasen a distorsión nas guitarras e as voces resgadas, collino con reticencia, sen imaxinar que sería a miña porta de paso cara diferentes xéneros coma o folk ou a canción intimista en xeral. E é que foi a partires deste álbum que comecei a engadir nomes coma Elliott Smith (de seguro unha gran influencia para Rocky, tanto nas súas letras coma nalgunhas melodías) ou Bright Eyes á miña discografía.
Votolato chegaba a Galicia tras cancelar a súa xira europea o pasado mes de decembro para centrarse na gravación do seu novo álbum ‘Television of Saints’, que presentou na cidade das burgas o pasado sábado no acolledor Café & Pop Torgal, nun ambiente íntimo, como a el lle gusta. Comezou cos dous primeiros temas do seu novo traballo (Little Spring e Ghost Writer), sendo este álbum, ‘Suicide Medicine’, e ‘Makers’ os que ocuparon o groso do setlist.
Unha tras outra foi executando á perfección (parece que este home non sabe desafinar) Portland is leaving, White Daisy Passing ou Fool’s Gold. Espidas, sen arranxos, valéndose da súa voz e da súa vella guitarra para, mediante crescendos e silencios cheos de tensión, transmitir emoción coas súas cancións. Rocky mostrouse sorprendido pola reacción do público, que coreou gran parte do seu repertorio, alcanzando a máxima cota de epicidade con Suicide Medicine, e non deixou de agradecer aos presentes a súa acollida.
Como colofón, o de Seattle deixounos Makers, coa que anunciaba -sabendo que mentía- o final da súa actuación, e os bises Start Over, Mix Tapes/Cellmates (a petición do público) e Silver Trees. Ao remate do concerto o sorriso na cara dos asistentes, aos que a velada se nos fixo curta, tardou en borrarse e, con contagotas, fomos abandonando o recinto. Non sen antes charlar un anaco con Rocky, que con moito gusto nos cubriu unha disqueficha.
Foto | Gonzalo Piñeiro
¡Épica noite, nun escenario idoneo! Esperemos que volte na sua próxima xira, xa sabe que en Galicia ten una boa acollida.