O disco da semana: Copenhagen Dreams, de Johann Johannsson

Achegarse a Escandinavia de cando en cando, un mínimo dunha vez ao mes, é xusto e necesario. Mesmo cando aínda andas algo rebotado de tanto hedonismo estival. Nunha semana onde o máis salientable no mundo musical está por chegar (setembro será un mes de grandes lanzamentos) ou ben é un repaso a traxectorias xa ben notables, como ese directo que Antony Hegarty nos vén de agasallar, continuamos labores de investigación. Entón un le na prensa o nome de Johann Johannsson, e achégase a el como quen se achega a un libro porque a portada é bonita, ou, neste caso, porque o título do disco ten algo atraínte: ‘Copenhagen Dreams’ (NOTV, 2012). Iso de que se trata dunha banda sonora, fíxate ti, é algo ao que chegas despois. Pero que deduces de seguido.

Logo comezas a repasar a discografía deste islandés, tan vinculado ás labores de composición como ás de produción, e decides comezar en orde cronolóxica, pero ‘Englabörn’, o debut que conta xa cunha década, ocúpate toda unha tarde. Dez anos despois, aínda que en realidade dez horas, volves entrar nun mundo de elfos (está cientificamente probado que non se pode falar dun disco islandés sen nomear esa palabra), maxia e frío. Un mundo tan xenial que dá igual que no mundo real exista a prima de risco, Esperanza Aguirre ou ‘Jersey Shore’.

Como dicimos, ‘Copenhagen Dreams’ é unha banda sonora. Non comezaremos a enumerar os títulos dos cortes, xa que imaxinaredes que, como noutras ocasións protagonizadas polo son ambient, Johann Johannsson dálle ao disco un discurso común, un ton eminentemente triste e sombrío, con moitos momentos de certa intriga, de suspense escuro, como mergullándose na máis terrible realidade humana. A que se achega ao chan tanto, que apenas anda, e só se arrastra. Encantado debeu quedar Max Kestner, director do filme, un documental sobre a vida na capital danesa, co resultado, cheo de emoción e sutileza.

‘Copenhagen Dreams’ funciona perfectamente engraxada. Como pezas escasas de deliciosos manxares, a miúdo deste tipo de comida que a túa avoa recoñecería abertamente como escasa, e que ti te sorprendes a miúdo pensando o mesmo. ‘Copenhaguen Dreams’ déixate con gañas de máis. Por unha vez, de facer tamén o camiño contrario ao natural. Escoitas a banda sonora, e comezas a buscar de tódolos xeitos a película. Convida a unha aperta, ao sofá e á manta nun domingo chuvioso. Dá igual se só ou en parella. Johann Johannsson non precisa de grandes orquestras. A meirande parte das composicións só se valen dun piano e dunhas bases electrónicas tan fráxiles e delicadas que apenas queren entrar en casa, por se molestan. Aínda que iso é unha estupidez supina. ‘Copenhagen Dreams’ nunca molesta ao entrar en casa. Sempre queres que quede.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *