O disco da semana: Four, de Bloc Party

Imaxino que o primeiro que cabe aclarar antes de comezarmos a falar do último disco de Bloc Party é que si, que a pesar do máis que frouxo ‘Intimacy’, e da terrible experiencia en solitario de Kele Okereke con ‘Boxer’, Bloc Party seguen existindo. Tras moitos rumores de separación, a banda británica lanza hoxe o seu cuarto LP, tras catro anos dese silencio misterioso. Cabe dicir que non estamos seguros de que demasiada xente os botase realmente en falta, xa que a excitación mundial que xerou o brillante ‘Silent Alarm’ no seu debut non rematou de consolidarse nos anos seguintes. Agora tocaba ver se ‘Four’ (Frenchkiss Recods, 2012), tras un longo parón, serviu para recuperar as musas perdidas, ou se se confirmaba a crónica da anunciada morte.

E entón, non vos negarei, salta a sorpresa coas dúas primeiras cancións do disco. Dous temas moi potentes, que aturarían un combate corpo a corpo cos vellos singles da banda, que semellan amosar que Bloc Party existe, e non só iso, aínda ten algo que dicir. Así, So He Begins to Lie, con ese riff de guitarra matador, e o ton épico da voz de Okereke explora a cara máis coñecida do cuarteto, e, porén, 3×3, aperta as roscas e coquetea co stoner rock, coa faceta máis escura e sinistra de Bloc Party. Dúas pingas de esperanza, de auga no deserto. Dous cortes absolutamente brutais, dos que xa non lle presumiamos.

… e ata aí. Logo ‘Four’ xoga a ser o que todos sabiamos que debía ser… un coñazo. Octopus xa comeza ser unha horterada importante, desas que ata Muse se avergoñaría de asinar, só superable pola vergoña allea que provoca Real Talk. A tomar polo saco esa ilusión inicial, maior aínda pola sensación de inesperada, que deixaran os primeiros minutos do disco. Iso xa non o levanta ninguén, nin algún momento máis levemente inspirado consegue recuperar o baixón xeral. ‘Four’ son dúas cancións e media. Algún momento de Kettling, previo a ese solo de guitarra en plan Guitar Hero, quizais. Ata o inicio ao The Police que presenta Day Four ruboriza un chisco.

Logo pensas que poderá vir despois disto. Se poderás salvar algún momento para meter no caixón do decente, ou se cousas tan terribles como V.A.L.I.S. che obrigarán a soltar a mítica frase de “tío, ti antes molabas… vaia, moito antes”. Haberá que pensar nunha morte, case suplicala, para a banda. Xa non digo digna, é tarde abondo para pensar nunha morte digna, pero si cando menos nunha morte… Aínda que cando cres que esa é a maior conclusión á que chegas tras escoitar ‘Four’, volves lembrar cando chegara ás túas mans o disco en solitario de Okereke… e xa nin iso desexas.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *