Os festivais que veñen: setembro 2012

bestivalNon deixes que o remate do verán sexa tamén o remate da túa felicidade. Setembro significa moitas cousas malas (especialmente este ano coa pantasma do IVE meténdonos medo), si, pero é tamén un dos mellores meses para facer cousas: aínda fai bo tempo (moitas veces ata mellor tempo que en xullo e en agosto!), os días son aínda relativamente longos, e xa se pode viaxar sen aglomeracións. E o mellor de todo é que aínda hai bastantes festivais aos que ir!

– En Galicia. LOLAPOP. Porto de Cesantes (Redondela, Pontevedra), 8 de setembro. Se ao coller o barco para ir a San Simón desde Cesantes pensaches que ese era un bo lugar para facer concertos, agora podes comprobalo: este ano o LOLAPOP viaxa ata o porto de Cesantes para ofrecernos o seu coidad cartel que este ano trae a Bigott, Supesubmarina, Rusos Blancos, Maryland, Niños Mutantes e Munich. Todo ao módico prezo de 12 euros.

– En España. Dcode festival. Universidad Complutense de Madrid, 14 e 15 de setembro. Se o que queres é un megafestival deses con carteis impresionantes, con propostas para todos os gustos e prezos menos populares, a opción do Dcode é perfecta: poderás ver a The Killers, Sigur Rós, Kings of Convenience, Justice, Triángulo de Amor Bizarro, The Kooks ou Kill the Hipsters (non sabemos quen son, pero gústanos o nome) pagando 90 euros máis gastos. Iso si, recomendan mercar as entradas antes do 1 de setembro, antes da subida do IVE.

– No estranxeiro. Bestival. Robin Hill Country Park, Illa de Wight (Reino Unido), do 6 ao 9 de setembro. Esta é a opción para todos os que aínda non tivestes vacacións este ano e queredes facer algo ao grande. Porque si, os prezos dos festivais británicos son sempre algo elevados, pero en moitos deles, coma este, coidado ata o detalle, paga a pena. Un cartel encabezado por Stevie Wonder (si!), con outros nomes como Florence & The Machine, New Order, The XX, Two Door Cinema Club, Emeli Sandé e unha lista que semella eterna, ademais de moitísimas actividades paralelas. Todo na mítica illa de Wight e con entradas desde as 170 libras (ouch!).

Foto | iJammin

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *