Volven a música e a feira a Belvís, volve a Romaría Pop

Cando lle preguntamos a Manuel Suárez, da Asociación Desconcierto Cultural, por que alguén debería ir á Romaría Pop este ano, emprázanos a ver un vídeo. É o teaser do evento que terá lugar o vindeiro 15 de xuño no Parque de Belvís, en Compostela, e amosa un dos pequenos momentos estrela da pasada edición. “Por momentos coma ese”, asegura, “paga a pena asistir á Romaría Pop”.

Romaría Pop 2013 – Teaser from Desconcierto Cultural on Vimeo.

Os que estivemos por aí o ano pasado xa sabemos que atoparemos: música en directo, feira, postos de comida (había polbo!) e mil actividades para nenos. Este ano haberá algúns cambios, o máis importante o do lugar (cámbiase de parcela en Belvís por obras, pásase á que vai desde o parking ata o parque infantil). O resto será coma no ano pasado, pero multiplicado: “incrementamos notablemente o número de obradoiros que imos levar a cabo e potenciaremos o escenario pequeno”, di Manuel, “onde se alternarán actuacións co escenario principal”.

O número de bandas tamén creceu: xa se coñece quen tocará este ano na Romaría Pop, dez grupos de todo tipo e condición (Espíritusanto, Fagot y Popota, Grampoder, La Band Ornythorinque, Los Árboles, Los Huéspedes Felices, Nouvelle Cuisine, Pedrito Diablo y Los Cadáveres, Unicornibot e Wild Balbina) amenizarán o evento. E por suposto, despois estarán os concertos máis esperados, os dos nenos na actividade Pequemúsica… xa vimos no vídeo que pode pasar cando deixas aos máis pequenos coller os instrumentos e experimentar! Ademais da música, terán lugar outro tipo de actividades, coma a da presentación do caderno de vacacións Bababum.

Romaria Pop en Santiago de Compostela

E este ano haberá unha novidade máis na que somos protagonistas: Disquecool levará o seu xa famoso e desexado photocall á Romaría Pop, que utilizaremos para buscar aos perfís máis cool da feira. Daremos máis detalles sobre isto nuns días, só queríamos avisarvos para que empecedes a buscar o voso look máis hipster.

É xa o segundo ano que a Romaría Pop chega a Belvís (e ao mundo, vaia), e Manuel Suárez conta que a idea xurdiu nunha asamblea de Desconcierto Cultural. “Buscabamos un xeito de achegar a música das bandas cuxos membros pertencen á asociación e outras que nos gustan a públicos que normalmente non escoitan música independente”, conta. “Pensamos que o mellor xeito sería a través das actividades paralelas e unha feira, e visto o visto, parece que está a dar resultado”.

E tanto. A Romaría Pop é un evento máis deses que están a xurdir nos últimos tempos en Galicia nos que se busca organizar actividades nas que tanto pais como fillos desfruten. Porque si, o tempo pasa para todos e o moderneo galego empeza a ter fillos tan modernos coma eles… Os festivais están cada vez máis cheos de nenos (e non falamos dos adolescentes que nos dá susto ver e que fan que nos sintamos vellos) e, como resposta, cada vez hai tamén máis actividades pensadas para eles.

O resumo de todo isto é que o vindeiro 15 de xuño, sexa verán ou non, tes unha cita cuase-relixiosa. Tes unha cita na Romaría Pop. Apunta na axenda e permanece atento. Xa iremos contando máis…

* Se non podes esperar, o 6 de xuño podes ir á festa de presentación na Zona C de Compostela, con Niño y Pistola e When Nalda Became Punk.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *