Os festivais que veñen: xuño 2014

Agora xa si. Se en maio estivestes aínda despistados e non iniciastes a temporada de festivais, en xuño xa non hai excusa. Chegará o bo tempo (o de verdade, que dura máis de tres días), a luz dos días será case eterna, as tardes e noites pasadas en terrazas pasarán a ser máis frecuentes. E, de súpeto, lembraremos esa bonita actividade que adoitaba acompañar os nosos días de primavera e verán: os festivais de música. En xuño hai moito, moitísimo onde elixir, así que a felicidade é sinxela. Nós, coma sempre, facemos a nosa pequena labor de selección (somos curators, como din agora os modernos) e temos para vós un festival en Galicia, outro no resto de España e outro no estranxeiro (un estranxeiro pouco estranxeiro desta vez):

– En Galicia. Romaría Pop. Parque de Belvís, Santiago de Compostela, 14 de xuño. O cartel deste ano fai que a Romaría Pop pase a poder estar entre a lista de festivais de música sen terlles moito que envexar aos grandes. Niño y Pistola, Apenino, Linda Guilala, Aries, Ataque Escampe e moitos outros tomarán o escenario en Belvís. Ti podes escoller prestarlles toda a túa atención, pasar polos postos do mercadillo, comer (este ano o da comida será aínda máis importante), participar en obradoiros ou simplemente tirarte na herba a ver pasar á creme da creme do moderneo galego. Este ano volvemos a ser medio colaborador, así que xa vos contaremos máis!

– No resto de España. Día de la Música 2014. Madrid, 20 e 21 de xuño. Este ano o Día da Música en Madrid é un imprescindible para nostálxicos. Se a banda sonora da túa adolescencia está formada pola música de Dover, Los Fresones Rebeldes, Australian Blonde, as Killer Barbies e outra xente saída dos mellores tempos do selo Subterfuge, corre a Madrid. Celébrase o seu 25 aniversario e o cartel conta, ademais de con todos estes que xa nomeamos, con Sexy Sadie, Cola Jet Set, Ellos, Mercromina, Pauline en La Playa e moitos outros. Unha oportunidade única para volver a velos!

– No estranxeiro. NOS Primavera Sound. Porto (Portugal), do 5 ao 7 de xuño. É sempre a cita imprescindible, o irmán pequeno (pero máis listo) do Primavera Sound de Barcelona: menos grupos, máis barato, nun lugar moito máis bonito. Quen toca? The National, St. Vincent, Caetano Veloso, os Pixies, Neutral Milk Hotel, Dum Dum Girls, Kendrick Lamar… non está mal, non? Nós este ano iremos coma simples mortais e só o sábado porque, ai, pasóusenos o prazo para a acreditación!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *