Mañá é a Romaría Pop! Xa vos falamos dela por aquí e xa vos contamos que este ano estaremos presentes co noso desexado photocall (e todo o que se saque unha foto levará chapa de regalo!), pero haberá moitas máis cousas. A música será unha das protagonistas, con dez concertos de bandas galegas (dez!) e a fantástica actividade de Pequemúsica. Neste escenario tocará unha das bandas que ninguén debería perderse, xa que será un concerto único: La Bande Ornythorinque, formada por Álex Casanova e Marvin B para a ocasión, fará un despregue de “botóns e luceciñas” e tocará para os nenos (e non tan nenos) versións de bandas como Air ou Kraftwerk! Falamos con eles para que nos conten máis cousas do que será a súa actuación na Romaría Pop.
– La Bande Ornythorinque naceu con motivo desta Romaría Pop, verdade? Canto tempo levades xa ensaiando?
Levamos menos do que deberíamos. Tivemos que facer fronte a unha plaga de formigas no local para logo rendernos e aceptar as súas condicións, petou o cadro eléctrico do trasteiro e Álex sofre dun trastorno severo do sono e gosta das camisas rollo Barry White. Hai que amoldarse a isto todo e asumir as contraofensivas.
– Como se adaptan temas de Air ou Portishead para un público de nenos? Como escollestes o setlist?
A verdade é que Portishead púxonolo complicado. Tanto que deixámolo e metimos Daft Punk no seu lugar. Sobreestimamos o noso propio talento. Unha vez máis.
En canto ao setlist, non o escollemos, propiamente. Fomos deixando de lado as versións que non nos saían ben ata que quedamos coas que si. O resto é recheo e peticións do fan que temos.
– Buscaredes tamén a participación dos nenos?
De ningunha maneira. Un neno súbese ao palco e róubache o show. Pagaran, coma fixemos todos.
– Que instrumentos veremos sobre o escenario?
Depende moito do lonxe que vos coloquedes, pero se por calquera cousa ides parar preto do palco, veredes aparellos con moitos botóns e luceciñas. Buscamos conscientemente a confusión. Que ninguén saiba que estamos a facer nós e que as máquinas. Nós vivimos permanentemente nesa dúbida.
– Por que todo moderno debería acudir cos seus fillos (ou sen eles) a ver a vosa actuación na Romaría Pop? Que tipo de espectáculo debemos esperar?
Home, penso que somos un bo exemplo para os rapaces. Do que NON. E tocamos preto do churrasco.
– Existe a posibilidade de que vos guste tanto a experiencia de La Bande Ornythorinque que repitades no futuro ou será un concerto único?
Moito tería que cambiar o conto. Polo que estamos percibindo, o que máis está molando da banda é que ten data de caducidade. Non queremos morrer de éxito. Nin de ébola. De ébola tampouco.
Foto | Mónica Mura