Optimus Primavera Sound 2013: planeta karaoke (sábado 1)

A terceira e última xornada do Optimus Primavera Sound 2013 era quizais a máis frouxa ou a menos chamativa para alguén coma min. Aínda así, había cousas que quería ver, relaxada e sen estrés, xa algo cansa despois das dúas primeiras xornadas. O meu estado parecía ser o xeral: a xente chegou máis tarde que nos primeiros días, movíase con máis lentitude, había máis asistentes que optaban polo de tirarse na herba a ver tranquilos os concertos. A miña intención era chegar a Manel, pero o autobús tardou media hora en aparecer e cheguei cando xa remataran.

Dinosaur Jr– The Drones. Empecei polos australianos, dos que admito que non sabía demasiado. A súa proposta de rock de guitarras e desas cousas que a priori non me atraen, pero que despois en directo desfruto moito máis do que esperaba: The Drones non foron unha excepción, foron unha agradable sorpresa chea de enerxía que conseguiron reunir xa a un número aceptable de xente con ganas de empezar a moverse.

– Dinosaur Jr. Un dos pratos fortes da xornada, ver a Lou Barlow, J Mascis e compañía sobre un escenario é sempre algo agradecido. A pesar de que o público estaba aínda bastante pouco activo, eles non defraudaron e nos devolveron a todos ao mundo grunge como se estivésemos en 1993. Forza, enerxía, e un repertorio deses que non poden fallar, cun pequeno agasallo cara o final: unha fantástica versión do Just Like Heaven de The Cure.

– Los Planetas. Había que escoller: The Sea and The Cake ou Planetas? Eu optei pola nostalxia planeteira e fun cara o escenario Super Bock para ver como Jota e o resto tocaban ‘Una semana en el motor de un autobús’. E de súpeto xa non estabamos en Portugal: nin portugueses, nin guiris, o público de Los Planetas era maioritariamente español (como por outra banda era lóxico). Antes de que comezara o concerto, alguén comentou que era como estar en La Iguana. E saíron Los Planetas e protagonizaron o momento karaoke do festival, con todos os fans cantando emocionados desde os grandes hits do disco como La Playa ou Cumpleaños total, ata o resto dos temas. Todo con animacións nas pantallas que fixeron que non lles puidésemos ver as caras (alguén malvado comentou que era para que non vísemos o vellos que están).

– Explosions In The Sky. Non deixo de marabillarme do éxito que teñen estes rapaces cunha música a priori tan pouco de éxito masivo ou festivaleira: son un grupo instrumental! Pero, como todos os que os temos visto nalgunha ocasión sabemos, a súa música é tan bonita que supera todas as barreiras. Creación de ambientes, paso das guitarras máis Mogwai a eses momentos de piano nos que parece que todos empezamos a flotar uns centímetros por riba do chan. E entón miras cara o ceo e ves as estrelas e pechas os ollos. Cando te decatas o concerto xa acabou.

Explosions in the sky

– My Bloody Valentine. Non son para nada a máis indicada para falar de My Bloody Valentine, xa que nunca conseguín entender a súa música, pero o certo é que a xente coa que falei dixo que o concerto fora en xeral máis ben pobre. Eu cometín o erro de decidir velos xa tirada no céspede (moitos cometemos ese erro), co que tras os primeiros 30 minutos todo o vivido os días anteriores empezou a pasar factura e os meus ollos non eran quen de permanecer abertos. Conclusión? Dar por pechado o Optimus Primavera Sound 2013 sen ir a ver a Dan Deacon, que parece ser que foi o que deu un dos mellores e máis divertidos espectáculos do festival. Outra vez será!

Shares

1 comentario

  • vane di:

    Ana te mereces una medalla…yo estaría durmiendome por las esquinas…me alegro que si pudieras ver algún grupo favorito….que menos!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *