O disco da semana: Ultra, de Disco Las Palmeras

DISCO LAS PALMERAS ULTRAAbsenta non para de repetir atraviesa mi alma, atraviesa mi alma. Tanto o título da canción que abre ‘Ultra’ (Matapadre, 2013) como a letra da mesma son o que tanto botabamos en falla. Volven Disco Las Palmeras. Por fin. ‘Nihil Obstat’ fora un disco demasiado grande como para non estar contando os días para que contase cun compañeiro canto antes. E entón volvemos caer no fantástico que ía ser e está sendo o 2013 para a música en Galicia, e podemos comezar a dicir xa, sen medo a caer en excesos, que unha porcentaxe moi alta das mellores bandas estatais da actualidade están afincadas aquí. Nos primeiros vagóns están Disco Las Palmeras, que deran unha pista do que ía ser este ‘Ultra’ hai xa uns meses, co avance de De cuando aún había esperanza, un corte algo menos noise do habitual, e que erguía dúbidas de se ese camiño un tanto máis achegado ao pop libre de decibelios sería lugar común en ‘Ultra’, ou se o ruído intenso seguiría ser a marca común.

Esas dúbidas resólvense, como dixemos, cando Absenta comeza a soar. Disco Las Palmeras seguen apostando polo futuro dos tapóns de espuma para a protección de tímpanos, e ‘Ultra’ dános todo o que buscamos. Todo? Quizais non. Quizais se bote en falta un deses temas que te namoran dende un principio, á altura de exemplos anteriores como La casa cuartel, se ben Que rueden cabezas ou La postpaz poderían cumprir esa función, con algo menos de solvencia que no pasado. E iso é todo o negativo que ninguén con dous dedos de fronte poderá dicir deste disco, que volve rachar as paredes de formigón de calquera, invocando os consabidos espíritos de My Bloody Valentine, The Jesus and Mary Chain ou A Place to Bury Strangers. Moito ruído ben levado, como en Del revés, ou Alfa y Omega (La cruel).

Enténdese, logo, que Disco Las Palmeras seguen dando o que se agarda deles. Un conxunto de temas ideais para ir axitando o pescozo onde queira que esteas. Escoitándoos na casa ou véndoos (sobre todo véndoos) en directo. Nunha xira que está devolvendo todo o éxito que se merecen. Entre o arrecendo pop de ‘Ultra’, do que antes falabamos, destaca a colaboración de Marta e Antía, de Wild Balbina en Algo mal, unha peza contundente e fantástica, onde as voces femininas se encadran marabillosamente, e lle dan un fugaz toque de sensibilidade e sutileza ao que inmediatamente despois se convirte nunha orxía punk en Parte del engranaje, que se convirte nunha desas cancións que deixan tan exhausto a quen a escoita como a quen a interpreta. E tras ese esgotamento, o duro feito de asumir unha derrota vital, social e absoluta, o Ya no existe Dios de Ultra, como asumindo que estamos a un paso da Apocalipse e só sabemos agachar a cabeza, que nos dá igual.

E con esa mesma meta sublevadora nace Que rueden cabezas, con protagonismo importante de batería, ritmo bélico e procura dunha vitoria mítica coa seguinte Rodillas en el suelo. Ese discurso continuamente na busca de acción, dese plan que Disco Las Palmeras teñen para dominar o mundo, e que nos veñen contando dende hai xa un tempo, mentres moitos de nós semellamos agardar anestesiados, adormecidos. ‘Ultra’ ten que servir para erguernos e berrar, para deixarnos levar polo seu ritmo marcadamente pesado durante moitos momentos. ‘Ultra’ volve ser un disco notable, quizais con menos capacidade de sorpresa e impacto que ‘Nihil Obstat’, pero moi autosuficiente, moi seguro de si mesmo e do camiño marcado e a seguir. En definitiva, é o disco que convirte a unha ilusionante promesa nunha das bandas máis interesantes do estado a día de hoxe. Amigas, amigos, Disco Las Palmeras, facédelles sitio, quedarán connosco un tempo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *