Optimus Primavera Sound 2013: when I feel heavy metal (venres 31)

E chegou por fin o día que moitos esperábamos desde hai máis de unha década: o día no que volveríamos a ver a Blur en directo, a todos eles, con Graham Coxon incluído. O britpop respirábase no ambiente: volvían os looks patrocinados por Adidas, víamos camisetas de Blur e ata algunha camiseta de Oasis (provocando ou certificando que esa guerra nunca existiu?). E fans apostados na primeira fila desde que abriron as portas facéndonos sentir vellos: si, eu hai dez anos corrín por Blur nun FIB e quedei sentada nesa primeira fila durante horas. A xuventude impresiona. Non queren ver máis cousas? Non necesitan ir ao baño? Non deberían andar todos os fans de Blur rondando os trinta anos? Deixémonos de nostalxias e empecemos polo principio.

neko-case– Dear Telephone. Á banda portuguesa tocoulle abrir a segunda xornada de festival e soaron moi ben. Non tiñan moito público, pero a súa proposta era perfecta para ser escoitada tirados no céspede deixándonos bañar polo sol e pola música. Fermosa voz, fermosas melodías e un toque jazzeiro que fixo as delicias dos poucos que os escoitamos prestando algo de atención.

– Memória de Peixe. Máis propostas lusas para lembrar que estamos en Porto e non en Barcelona. Memória de Peixe son un grupo sen dúbida especial e que ten unha base de fans bastante fiel en Portugal: o público estaba entregado e claramente sabía que estaba a ver. Dúo formado por un guitarra e un batería (aínda que nun momento saíu un baixista para un tema) que fan música só instrumental na que hai moito de improvisación ao ir construíndo melodías con loops unhas sobre as outras.

– Neko Case. Tiña moitas ganas de ver á ex The New Pornographers, pero en ningún momento pensei que me fose a gustar tanto. Coa súa melena roxa ao vento e unha banda fantástica (moita barba, eu estou convencida de que un deles era un ZZTop), Neko saíu ata as cellas de café e azucre -segundo dixo -e deu non só un concerto musicalmente perfecto, senón que foi tamén un dos máis divertidos e con conexión co público. Tocou algo do disco novo e caeron Margaret vs Pauline, That teenage feeling, Hold on Hold on e ata unha versión do Don’t Forget Me de Harry Nilsson.

– Daniel Johnston. Ata o último momento dubidei se ir ao escenario ATP a ver a Daniel Johnston ou se quedar no Optimus para ver aos Local Natives. Finalmente decidín ver a Johnston, pensando en que quen sabe se algunha vez volverei a ter a oportunidade de velo. E a verdade é que impresiona e dá esa sensación de estar a ver algo moi especial e extremadamente fráxil. Os concertos de Daniel Johnston réxense por normas distintas e sempre desde o respecto. Si, desafina. Pero as súas cancións seguen a ser igual de fermosas e cómpre dicir que se nalgún momento de todo o festival estiven a piques de botar unha bágoa, foi neste concerto. Funeral House, Devil Town, Life in Vain e, por suposto, o final con True Love Will Find You In the End. Mención especial para Betunizer, que eran a banda acompañante de Daniel Johnston e que se notaba que eran fans e felices tocando con el.

– Local Natives. Como o concerto de Daniel Johnston non foi moi longo, tiven tempo para pillar os tres últimos temas dos Local Natives. Melodías perfectas, harmonías vocais, enerxía e un público ao que estaba claro que gañaran había xa moito tempo. Ao rematar, alguén ás miñas costas comentou que ata o momento, foran xunto a Nick Cave o mellor do festival. Quedan apuntados para outra ocasión.

– Swans. Swans son un grupo de culto, pero xa sabedes a estas alturas que os meus oídos son delicados e non aceptan subidóns de decibelios. Aínda así, achegueime un pouco a ver a Swans porque oíra que valía moito a pena e que o espectáculo non tiña desperdicio. E así foi: Michael Gira e compañía son xente cun salvaxismo ao nivel dos Bad Seeds, algo que se agradece aínda que unha non sexa moi fan da súa música. Mención especial para Thor (era o deus de verdade, non?), esa besta de batería e percusións ao que nin público nin cámaras eran quen de non mirar.

– Grizzly Bear. Grizzly Bear son un dos grupos máis interesantes da escena actual e as ganas de velos eran moitas. O concerto non decepcionou: sempre  correctos e perfectos, coma se facer e tocar temas tan cheos de detalles coma os seus fose o máis fácil do mundo. Houbo bastante do último disco, ‘Shields’ (a min fixéronme feliz xa nada máis empezar, con Sleeping Ute) e tamén tempo para o anterior. Two Weeks soou a gloria, aínda que poderían ter marchado sen tocala e non tería pasado nada. Así de ben o fixeron.

blur

– Blur. O de Blur é complicado e cada vez que me preguntan que tal non sei que contestar. Estivo ben, claro que si. Tocaron todo o que queríamos que tocasen, empezaron ao grande con Boys & Girls e de aí xa non baixaron. Caeron Beetlebum, Country House (que agora só nos permite pensar en Alex James e a súa granxa de queixos), Parklife, This is a Low, Out of Time e un longo etcétera, pero ao final pareceu que algo fallaba. O setlist foi quizais un tanto irregular en canto a orde e a emoción coa que saíu Damon Albarn desde o primeiro minuto parecía por momentos esaxerada. Que Graham Coxon fixera un solo de guitarra tirado no chan xa na segunda canción tamén parecía forzado. E parecía que Damon lera as críticas do concerto en Barcelona dos que dicían que parecía ter máis conexión co público ca co resto da banda e se achegaba con frecuencia aos seus compañeiros. Canto había de verdade en todo isto? Ao final, claro, non importa, o único que importa é que quedamos coas gorxas secas de tanto cantar e que o pasamos tan ben que pareceu que o concerto durara só 10 minutos. O de Blur foi fantástico e non hai que pensar máis.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *