Optimus Primavera Sound 2013: a lección de Nick Cave (xoves 30)

“Non penso volver a Barcelona!”, dicía a xente unha e outra vez. Uns xa o decidiran o ano pasado; outros, coma min, non descubrimos o segredo de Porto ata esta segunda edición. E repetimos o mantra con frecuencia: ao entrar e ver todo ese céspede e lembrar o formigón barcelonés, ao ver os prezos da bebida e a comida, ao probar as bifanas, ao ver o rápido que ían as colas no baño (grazas en parte ás facilidades ofrecidas polos arbustos de noite, que evitaban aglomeracións nos baños oficiais), ao recibir as nosas bolsiñas-mantel e tirarnos na herba a desfrutar da música. “Non penso volver a Barcelona!”, repetíamos, esquecendo xa que eles tiñan a Phoenix, Tame Impala ou Daughter entre outros. Que importa.

breeders– Guadalupe Plata. A tarea de abrir un festival ás 6 da tarde nunca é nin sinxela, nin agradecida. E se o teu son, se a túa música é a dos xienenses Guadalupe Plata, a cousa é aínda máis complicada. Un concerto que non aceptaba luz do día tivo lugar no medio da tarde, baixo o sol que aínda quentaba demasiado e cun público que viña de chegar ao festival e caía por alí pouco a pouco a ver que facía ese primeiro grupo. Eles defendéronse como puideron da difícil situación que lles tocou.

– Merchandise. Para o pouco que esperaba que me gustasen (tan pouco que marchei a comer algo), o concerto de Merchandise non estivo tan mal. De feito, escoitalos de fondo e pensar nesa voz profunda provocou que me volvese a achegar ata o escenario, toda unha fazaña para un grupo nun festival.

– Wild Nothing. Sabía que os quería ver, aínda que non tiña moi claro que era o que atoparía. O que atopei foi unha grata sorpresa unha vez máis danada polo de tocar con tanta luz. Guitarras e a fantástica voz do vocalista Jack Tatum. Intentaron facernos bailar e, de ter dado o concerto unhas horas máis tarde, teríano conseguido. O que si lograron foi que moitos nos balanceásemos ao ritmo dos seus temas máis bailables e que non marchásemos ata que rematou o concerto.

– The Breeders. Aquí non houbo grises: polo que falei coa xente despois do concerto, The Breeders decepcionaron ou namoraron, sen lugar para un punto medio. Chegaban para conmemorar o 20 aniversario do seu disco ‘Last Splash’, tocándoo completo. O mal son, sobre todo ao principio do concerto, danou bastante os intentos das irmás Deal de gañarse aos escépticos. Por sorte para elas, o público estaba tamén cheo de fans incondicionais felices só con escoitar esas cancións e volver ás súas adolescencias. Moi simpáticas e con constantes discursos dirixidos á xente (moitos en portugués) que foron criticados por romper o ritmo do disco. Eu son do outro grupo, dos que caímos rendidos.

– Dead Can Dance. Un dos concertos con mellor son de todo o festival e unha das propostas máis distintas, unha sorpresa para todos os que foron cara o escenario esperando música gótica. Houbo un pouco diso, pero máis de músicas do mundo, con ritmos e voces que ben poderían ter procedido dunha banda árabe.

Nick Cave

– Nick Cave & The Bad Seeds. Que dicir do que sen dúbida algunha foi o mellor concerto de todo o festival? Nick Cave e as súas malas sementes saíron salvaxes como son a dalo todo sobre o escenario e sobre o público. Mentres Warren Ellis e compañía arrincaban sons dos seus instrumentos, Nick Cave pasou máis da metade do concerto cantando subido ao valado, suxeitado polos fans aos que dirixía os seus versos. A piques estivemos de presenciar a súa morte en directo (caeu para atrás e desapareceu no foxo, todos aguantamos a respiración un segundo eterno ata que volvemos a escoitar a súa voz), pero afortunadamente non foi así e puidemos desfrutar de The Weeping Song, Stagger Lee (fantástica), The Mercy Seat, From Here to Eternity, ou Tupelo, nun concerto que rematou con Push The Sky Away.

– Deerhunter. Ao pobre Bradford Cox tocoulle a terrible tarefa de tocar despois de Nick Cave (a primeira xornada do festival debería ter rematado con el) e defendeuse un pouco como puido. O concerto foi correcto, pero como ser quen de velo e non sentir o espírito de Cave aínda correndo polo escenario e saltando entre o público? Un xélido vento tomara o Parque da Cidade e os meus ollos estaban a pecharse mentres non podía parar de tremer, así que decidín despedirme de Cox na metade do concerto e emprender o rumbo de volta a Porto.

Shares

1 comentario

  • iaGo di:

    Eu tiven que contentarme con Cave e Deerhunter, non puiden chegar antes… pero ambos dous concertos gustaronme, cada uno no seu estilo. Claro que despois de ver a o señor Cave correndo e movendose dun lado para outro, os parados de Cox e compañia, perdian, pero o que importou foi que a musica estivo ben :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *